O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva Tojo, informou no Parlamento de Galicia dos tratamentos anticoagulantes que ofrece o Servizo Galego de Saúde

A plataforma de teleasistencia do Sergas “Telea” monitoriza os tratamentos antiacoagulantes de máis de 500 pacientes galegos

A Consellería de Sanidade facilitou un total de 580 coagulómetros para que os pacientes poidan controlar os niveis de coagulación desde os seus fogares, evitando así desprazamentos innecesarios aos centros de saúde

Estes dispositivos permiten que os usuarios realicen as puncións nos seus domicilios, ao tempo que posibilitan rexistrar os datos de control en TELEA

Desde a posta en marcha do Protocolo de control do INR, o Servizo de Galego de Saúde leva atendido un total de 1.352 pacientes

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva Tojo, informou esta mañá á Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego; dos tratamentos anticoagulantes que ofrece o sistema sanitario público galego. Así, Silva destacou que un total de 580 pacientes xa son monitorizados pola plataforma de Teleasistencia Domiciliaria do Sergas (TELEA).

En resposta a unha pregunta dos grupos da cámara, o responsable sanitario explicou que a profilaxe e o tratamento dos eventos tromboembólicos precisa de continuos controis dos  tempos de protrombina, un dato que habitualmente se expresa mediante o Cociente Internacional Normalizado (INR), e que garante que os niveis de anticoagulación sexan os máis axeitados

Así, subliñou que o Servizo Galego de Saúde xa facilitou un total de 580 coagulómetros a pacientes galegos, posibilitando que estes usuarios poidan controlar os seus niveis de coagulación desde o fogar, e evitando con elo desprazamentos innecesarios aos centros de saúde.

Durante a súa intervención, Silva Tojo explicou que estes dispositivos permiten que os usuarios realicen as súas puncións nos domicilios, ao tempo que posibilita rexistrar os datos de control na plataforma TELEA, para a súa posterior revisión por parte dos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

Nos últimos anos, a industria farmacéutica comercializou novos anticoagulantes orais con diferente mecanismos de acción. Este é o caso dos chamados anticoagulantes orais de acción directa (ACOD), uns fármacos que xa se lle prescriben a máis de 45.000 pacientes na nosa comunidade, polos 55.000 que son tratados con anticoagulantes orais clásicos (antagonistas da Vitamina K- AVK ou cumarínicos).

O director xeral apuntou que a indicación dun ou doutro tratamento (ACOD e AVK), sempre deriva dunha decisión médica, pois, é o facultativo quen escolle a alternativa que mellor se adapta ás necesidades do paciente.

“O máis importante dun medicamento é a súa eficacia e seguridade” abundou o director xeral, ao tempo que destacou que “o financiamento dos fármacos é unha competencia exclusiva do Ministerio de Sanidade” e que, “o labor das comunidades autónomas é simplemente executiva”.

Sobre este particular, apuntou que desde o ano 2014, a Xunta está a incrementar dun xeito paulatino o número de pacientes tratados cos novos tratamentos (ACOD); pasando dun investimento de 5,8 millóns de euros en 2014, até os 36 millóns do ano 2023.

Por último, o responsable asistencial do Servizo Galego de Saúde destacou que durante os últimos anos o Sergas leva posto en marcha distintas estratexias para facilitar o control e seguimento dos pacientes que precisan anticoagulantes, como é o caso da descentralización do modelo de seguimento dos AVK nos centros de saúde -asumido en moitos centros polo persoal de enfermería-, ou poñendo a disposición dos usuarios un protocolo que permite realizar, de xeito telemático, o seu seguimento desde o domicilio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2024