Medio Rural salienta a investigación e a innovación como eixes cruciais para avanzar na mellora do sector vitivinícola

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración das V Xornadas do Grupo de Viticultura da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas

Alemparte puxo de relevo este tipo de xornadas que “contribúen á mellora continua do sector mediante a difusión de investigacións innovadoras, a promoción de boas prácticas a creación de redes de colaboración”

Salientou o importante labor levado a cabo pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia liderando proxectos de investigación no eido da selección e mellora xenética das variedades de vides autóctonas e de técnicas de cultivo sostibles

Ourense, 26 de xuño de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración das V Xornadas do Grupo de Viticultura da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas, centradas na investigación, desenvolvemento e aplicación tecnolóxicas no ámbito da viticultura. A quinta edición deste evento finalizará mañá, xoves 27 de xuño, e está a ter lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

Durante a súa intervención, o director sinalou a investigación e a innovación como eixes claves para avanzar neste eido e lembrou o importante labor que leva a cabo a Axencia Galega da Calidade Alimentaria en materia de promoción e protección da calidade diferenciada dos produtos galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, como son as cinco denominacións de orixe de viños galegos -Ribeira Sacra, Monterrei, Ribeiro, Valdeorras e Rías Baixas- e as outras cinco indicacións xeográficas protexidas -Terras de Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Terras do Navia-.

Ademais, puxo en valor os investimentos realizados no eido da investigación levados a cabo pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, adscrita a esta entidade, que desempeña un papel fundamental no I+D+i na enoloxía galega e lidera proxectos de investigación no eido da selección e mellora xenética das variedades de vides autóctonas e de técnicas de cultivo sostibles.

O director tamén puxo de relevo este tipo de xornadas que “son cruciais para o avance do coñecemento e a práctica na viticultura e contribúen á mellora continua do sector mediante a difusión de investigacións innovadoras, a promoción de boas prácticas e a creación de redes de colaboración”.

Alemparte sinalou a importancia que ten a viticultura na nosa comunidade, enxalzando o seu valor no eido económico, cultural e paisaxístico. Destacou tamén que este tipo de eventos contribúen a tecer unha “rede de cooperación e intercambio de coñecemento con outras rexións vitivinícolas” que  é esencial para o desenvolvemento e perfeccionamento da nosa viticultura.

Data de actualización: 26/06/2024