Román Rodríguez anuncia novas ferramentas no sistema educativo para seguir avanzando na igualdade das persoas LGTBI

Os centros contarán cun instrumento de mellora da convivencia tamén para as persoas LGTBI e actualizarase o Protocolo de atención á diversidade de identidade de xénero

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP dá conta no Parlamento do traballo da Xunta de Galicia a prol da igualdade e a convivencia nas aulas

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

Todos os centros educativos contarán o vindeiro curso con novas ferramentas para seguir mellorando a convivencia nos centros a prol da igualdade e para protexer os dereitos das persoas LGTBI. Así o anunciou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, hoxe no Parlamento galego. “Levamos anos abordando a non discriminación e a igualdade por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, e seguimos traballando para avanzar nesta materia”, asegurou.

A Xunta de Galicia porá en marcha no curso 2024/25 unha ferramenta para a detección concreta de casos de acoso ou ciberacoso, que inclúe especificamente as persoas LGTBI, o que permitirá “coñecer a situación en cada centro e realizar unha avaliación máis próxima ao alumnado”, sinalou Román Rodríguez.

 

Así mesmo, o Goberno galego actualizará o Protocolo de atención educativa á diversidade de identidade de xénero, co que se busca dar seguridade a moitas persoas e garantir a súa plena inclusión dentro das aulas. “Estará centrado en principios reitores como a seguridade e o interese superior de todos os menores, establecendo o centro educativo como un espazo seguro”, engadiu o titular da Consellería de Educación.

 

Prevención, detección e intervención

“Somos conscientes da importancia de actuar desde as escolas”, remarcou Román Rodríguez durante a súa intervención no Pleno, referíndose ao traballo de Educación en materia de prevención, detección e intervención.

 

Existen ferramentas de detección que permiten coñecer o clima de convivencia no sistema educativo, como é o caso das enquisas, e son fundamentais para que a partir deles cada centro implemente medidas concretas. De feito, “no último informe de convivencia”, dixo o conselleiro, “constatase que case o 90 % do sistema considera que os conflitos nas aulas son pouco frecuentes”. Tamén alumnado, familias e profesorado observan que existe receptividade diante da diversidade nas aulas, con cifras por riba do 80 %.

 

A través da Estratexia Galega de Convivencia 2025 a Consellería de Educación pon á disposición do conxunto do sistema educativo todos os instrumentos necesarios para garantir a igualdade nas aulas. Entre os proxectos máis destacados atópase o Plan contra o acoso e o ciberacoso, mentres que outros dos programas centrados na igualdade das persoas que se desenvolven nas aulas galegas son os Contratos Programa, onde máis de 300 centros desenvolven accións a prol da coeduación; o Plan Proxecta+, no que participan máis de 150 centros con numerosas iniciativas, ou os programas Que non te líen ti elixes, Cinema con perspectiva e Edureferentes.

 

Ademais, a Consellería de Educación vai lanzar un Plan de coeducación para crear espazos sen estereotipos que favorezan a liberdade do alumnado. E para completar toda a batería de medidas coas que se traballa, tamén se pon o foco na formación do profesorado e na información ás familias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024