O secretario xeral da Lingua participa en Santiago de Compostela na presentación deste recurso en liña
Valentín García chama a afondar na toponimia das cantigas co novo proxecto do Centro Ramón Piñeiro
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca o valor pioneiro desta iniciativa que converte en cartografía a lírica profana galego portuguesa
A web está concibida como apoio á investigación sobre o movemento trobadoresco e para facilitar o labor docente tanto na universidade, como na ESO e no Bacharelato
O mapa irase actualizando a medida que a comunidade investigadora avance na marcaxe de máis lugares
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación de Canticar, un recurso creado por investigadores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que cartografía a lírica profana galego- portuguesa, ao materializar de forma gráfica os topónimos recollidos nestes textos.
Na presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo un chamamento a afondar na toponimia das cantigas con esta nova iniciativa. No mesmo senso, salientou que se trata dun proxecto “pioneiro” a través dunha páxina web “moi intuitiva”, do que puxo en valor que permite non só completar o coñecemento sobre a propia toponimia medieval, “senón que serve para comprender as súas dimensións sociopolíticas”.
En concreto, apuntou o feito de que, entre outras prestacións, esta ferramenta ofrece a reconstrución de fronteiras dos reinos peninsulares ao longo do movemento trobadoresco.
Recurso para investigadores e escolares
Precisamente, enxalzou o valor deste recurso porque, ademais de servir de apoio á investigación sobre a lírica galego-portuguesa, “supón un recurso que facilita o labor docente tanto na universidade como nas etapas máis avanzadas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato”.
Deste xeito, toda persoa que consulte esta web poderá verificar o papel clave que determinados espazos desenvolveron na cantigas e, ao mesmo tempo, observar o peso e a función expresiva que os lugares reais tiveron no proceso de creación lírica. “Esta ferramenta é unha oportunidade para percorrer mentalmente non só a paisaxe galega e dos reinos da Península Ibérica, senón doutras localidade estranxeiras”, valorou o secretario xeral da Lingua.
Actualización constante para ser un recurso máis preciso
Para a elaboración deste proxecto procedeuse ao mapeado dos topónimos presentes nas cantigas e nas rúbricas explicativas. Ademais, tanto para a forma dos nomes de lugar como para os datos relativas ás cantigas e aos seus autores fíxose uso da base de datos de Lírica Profana Galega-Portuguesa (MedDB) do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades.
Cartografía que se irá actualizando
Como todo recurso científico, este mapa irase actualizando a medida que a comunidade investigadora realice traballos que supoñan un avance no coñecemento e que favorecerán o enriquecemento da ferramenta e súa maior precisión na marcaxe de lugares escorregadizos.
A dirección e coordinación científica de Canticar estivo realizada por Pilar Lorenzo Grandín, directora técnica da área de literatura do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades. Mentres, a coordinación técnica recaeu en Mariña Bermúdez Beloso, coordinadora de diversos proxectos de investigación neste mesmo centro.