Finaliza con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 39 presas galegas

A proba comezou na xornada de onte ás 9,00 horas en Belesar e repetiuse en distintas presas ata as 13,00 horas de hoxe

O obxectivo é que a veciñanza recoñeza o sinal acústico en caso de emerxencia

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

A Xunta rematou con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 39 presas galegas. O primeiro sinal activouse onte ás 9,00 horas en Belesar e foi repetíndose en distintas presas ata hoxe.

Soaron sirenas situadas por todo o territorio, adscritas ás presas de San Cosmade ou Vilasenín, Vilagudín, Portodemouros, Belesar, Peares, Brandariz, Velle, As Guístolas, San Martiño, Montefurado, Sequeiros, Santa Eulalia, San Pedro, Santo Estevo, Río Covo e Dique de Collado, Albarellos, Casoio, Castrelo, Cenza, Chandrexa, Portas, Prada, San Sebastián, Peñarrubia, Pumares, O Bao, Conchas, Salas, Baíña, Eiras, O Con, Caldas de Reis, Touro, Frieira, Ribeira, Eume, Fervenza, Santa Uxía e Cecebre. Onte tamén se activaron as sirenas de aviso adscritas ao Plan de emerxencia exterior do depósito de lodos vermellos de Alúmina en Xove.

Para a proba contouse coa colaboración dos titulares das infraestruturas, isto é, Augas de Galicia, Alúmina, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy e Xeal, así como do persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, membros de Protección Civil dos concellos afectados, e da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

En Galicia, actualmente hai 46 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalacións, e deste xeito garantir a seguridade da cidadanía da contorna.

Aposta pola prevención

A Xunta subliña a importancia que teñen este tipo de exercicios na mellora da coordinación efectiva entre as administracións e as empresas, así como para garantir a seguridade na zona, e manter a poboación preparada para o caso de materializarse a situación de emerxencia.

Data de actualización: 26/06/2024