A Xunta destaca o aumento das persoas usuarias do Plan de transporte público de Galicia con case 3,7 M de viaxes o pasado abril

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou no pleno do Parlamento os avances neste plan con tarifas únicas e bonificadas como a Tarxeta Xente Nova ou a TMG+65, que rexistraron entre xaneiro e abril 2,5 M e 1 M de viaxes financiadas respectivamente

Lembrou que o Goberno de Galicia leva tramitado case 5.300 expedientes de modificación para mellorar os servizos e dar resposta á demanda da cidadanía como as recentes aprobacións do reforzo nas liñas no corredor A Coruña-Oleiros-Sada ou a licitación da concesión A Coruña-Lugo-A Mariña, incluíndo o primeiro Intercity Express entre as cidades coruñesa e luguesa

A Xunta segue a traballar de maneira pioneira no sistema de axuda á explotación

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia as melloras levadas a cabo no marco do Plan de Transporte Público de Galicia, impulsado pola Xunta como instrumento de planificación e seguimento.

 

Nesta liña, salientou a renovación e modernización do transporte público xestionado polo Goberno galego, así como o incremento dos recursos, das ferramentas tecnolóxicas, a ampliación das zonas atendidas ou as tarifas únicas e bonificadas que supuxeron “máis cobertura territorial e un servizo de maior calidade”. Así o constatan os datos cun incremento de persoas usuarias ata preto de 3,7 millóns de viaxes o pasado abril.

 

A Xunta mantén unha actualización constante do servizo atendendo ás demandas da cidadanía como acreditan os preto de 5.300 expedientes de modificación realizados. Diego Calvo puxo como exemplos a recente reestruturación dos servizos no corredor A Coruña-Oleiros-Sada para reforzar as conexións entre A Coruña e as localidades de Dexo e Lorbé ou a licitación xa aprobada no Consello da Xunta por 5,7 millóns para manter a concesión actual incorporando a primeira liña Intercity Express entre as cidades da Coruña e Lugo.

 

O conselleiro de Presidencia sinalou que a Xunta levou o autobús regular a zonas onde non o había grazas a un investimento de máis de 140 millóns de euros ao ano. Entre os logros conseguidos, referiuse ademais a que o número de paradas medrou de 20.000 a 56.000 e que as liñas se cuadriplicaron ao pasar de 900 a 3.500-, de xeito que o 91 % da poboación ten unha a menos de 500 metros da casa. Tamén se está apostar pola renovación da flota, cunha idade media de 5,7 anos fronte aos 11 de media estatal e á sustentabilidade dos vehículos, co 92 % da flota ECO ou Euro VI, e á accesibilidade, xa que o 55 % da flota ten prazas para persoas con mobilidade reducida.

 

Ademais, Diego Calvo destacou o compromiso do Goberno galego con mellores tarifas para os usuarios, coa creación das áreas de transporte metropolitano. A medida supuxo integrar os diferentes sistemas de transporte baixo un sistema tarifario único e bonificado e con beneficios como transbordos gratuítos.

 

A Tarxeta Xente Nova coa que a Xunta financia a persoas de ata 21 anos ata 60 viaxes interurbanas gratuítas permitiu bonificar entre xaneiro e abril deste 2024 arredor de 2,5 millóns de viaxes, case un 16 % máis que no mesmo período do ano pasado. A esta medida súmanse outro millón de viaxes bonificadas nos catro primeiros meses deste exercicio coa TMG+65, coa que as persoas maiores de 65 anos poden tamén realizar ata 60 viaxes de maneira gratuíta no transporte público na comunidade.

 

Canto aos mecanismos de seguimento, referiuse ao Sistema de Axuda á Explotación (SAE) que emprega a Xunta para dar resposta ás necesidades das persoas usuarias, o que sitúa a comunidade galega como pioneira en España na implantación desta ferramenta en todo o transporte interurbano. Neste eido estanse a impulsar novas funcionalidades e xa está en probas o sistema de información, que xa está accesible desde a web www.bus.gal, ou a aplicación de transporte público de Galicia.

 

No marco da aposta pola mellora continua do transporte público, o conselleiro de Presidencia mencionou tamén a Estratexia Galega de Mobilidade, aprobada recentemente e que conta con obxectivos e un plan de acción para conseguilos. O documento contén un cento de medidas que implican o conxunto das administracións para garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e adaptados ás necesidades futuras da cidadanía co apoio da innovación tecnolóxica, cun investimento de case 420 millóns de euros.

 

Por iso, na súa intervención, o conselleiro de Presidencia instou ás demais administracións que, ao igual que fai a Xunta, cumpran os seus compromisos na xestión do transporte da súa competencia, como é o caso do Goberno central cos trens Avril ou as conexións non recuperadas tras a pandemia da covid ou co novo mapa estatal de rutas de autobús que o Executivo galego rexeita ao considerar que afonda no abandono do rural, illando municipios ao reducir tráficos e paradas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024