A Xunta incrementa ata os 3 M€ o investimento para ampliar o Instituto Eduardo Pondal de Santiago

O conselleiro de Educación anuncia a licitación, hoxe mesmo, da obra do centro, que será dotado de oito novas aulas e outros espazos e a mellora dos existentes

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros adaptándoos as novas necesidades

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Instituto IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela co gallo da licitación das obras de ampliación do centro, que abre o proceso hoxe. Neste senso, explicou que o investimento final superará os 3M€, un máis do previsto inicialmente. O obxectivo é dotar o instituto de oito aulas novas e outros espazos, ao tempo que se remodela o edificio xa existente.

A obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, un programa posto en marcha polo Goberno galego para renovar os colexios e os institutos, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. No caso do Eduardo Pondal, “a obra responde ao crecemento demográfico dos barrios que comprende o instituto. Por iso, se amplía o espazo educativo aproximadamente 1.000 m²”, sinalou o conselleiro.

A ampliación, que se prevé que este rematada para o inicio do curso 2025/2026, realizarase sobre o edificio existente, en tres andares. Na planta baixa situaranse catro aulas, cunha saída nova ao espazo exterior; mentres que na primeira estarán as dúas aulas restantes e unha de tecnoloxía. No semisoto atoparase a clase de música, o almacén e o sistema de telecomunicacións. Ademais, se construirá un espazo cuberto de 140 m² con comunicación directa á nova pista deportiva e un soportal con acceso á zona de patio, para facilitar a entrada e saída do centro, ampliando así os espazos cubertos do centro.

Mellora das instalacións existentes

O proxecto de ampliación tamén contempla actuacións no edificio xa existente como a reforma dos aseos e a súa mellora instalando, entre outros, un baño accesible; e a substitución da cuberta da actual aula de tecnoloxía. Ademais, tamén se levarán a cabo diversos traballos de redistribución de espazos, facendo un desdobramento de oito aulas, entre elas, a clase de plástica.

A maiores, ampliarase a biblioteca, substituiranse as caldeiras de gasóleo por unhas novas de biomasa, eliminaranse os estrados de madeira de varias aulas e acometeranse outras melloras no relativo á seguridade do centro. Finalmente, recolocarase a pista polideportiva descuberta e darase solución ao desnivel.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024