A Xunta leva investidos nos últimos anos 7,3 M€ destinados a máis de 3.600 axudas para deportistas de alto nivel

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou que a convocatoria deste ano conta cun orzamento de 600.000 euros, dos que tamén se benefician os deportistas que participarán o próximo mes nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París

Destacou a boa saúde do deporte de alto nivel con 1.219 persoas recoñecidas, cuns 40 representantes confirmados ata agora para a delegación galega nas Olimpíadas e a regatista Támara Echegoyen como abandeirada de España xunto a Marcus Cooper

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, expuxo hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta inviste este ano 600.000 euros nas axudas destinadas a deportistas de alto nivel (DGAN), das que tamén se beneficiarán os deportistas convocados a participar nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París o próximo mes. A Xunta puxo en marcha estes apoios en 2005 e Galicia foi pioneira en igualar as axudas a deportistas con e sen discapacidade e en amplialas ao corpo técnico.

As axudas permitiron apoiar o ano pasado a 461 deportistas, seis veces máis que as 76 da primeira orde. Nas 19 edicións tamén se multiplicou por sete a representación do deporte feminino -de 25 a 185- e por cinco o deporte adaptado -de 5 a 27-.

Como detallou o conselleiro de Deportes, desde esa primeira convocatoria en 2005 á actualidade o Goberno galego leva investidos nestas axudas un total de 7,3 millóns destinados a máis de 3.600 deportistas de alto nivel. A este apoio súmanse as 15 edicións do Plan de patrocinios de equipos de alta competición de Galicia con 228 patrocinados na última edición ou os 34 nas catro convocatorias do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de máximo nivel estatal de Galicia.

Diego Calvo lembrou que nesta edición 2024 volveuse optar polo modelo dunha única convocatoria das axudas DGAN para contribuír á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas de alto nivel.  De feito, dos 600.000 euros reservados para este exercicio, xa se publicou a primeira convocatoria  correspondente ás Axudas Galicia-París 2024 , cun orzamento de 250.000 euros dirixidos aos deportistas que están na carreira olímpica e paralímpica para París.

Ademais, o pasado novembro resolveuse a primeira convocatoria de axudas para persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel da historia – as Axudas Taxagan 2023- que chegou a 25 persoas beneficiarias cun total de 45.500 euros.

Unha delegación galega récord en París

Na súa intervención, o conselleiro de Deportes sinalou a boa saúde do deporte de alto nivel en Galicia. Ademais das 1.219 persoas recoñecidas -entre deportistas de alto nivel, de rendemento deportivo de base, de alto rendemento, técnicos, árbitros, xuíces e deportistas de alto nivel vitalicios- a comunidade galega vai camiño de ter unha representación récord nestes Xogos Olímpicos Paralímpicos de París 2024.  

Galicia conta hoxe case unha trintena de deportistas olímpicos clasificados e cunha decena de paralímpicos, á espera de que se pechen as convocatorias das diferentes federacións e con moitos galegos aínda na carreira aos Xogos que poderían sumarse á lista actual. Entre eles xa figura a piragüista Teresa Portela, que competirá nas súas sétimas Olimpíadas ou a regatista Tamara Echegoyen que, tras a medalla de ouro en Londres 2012 con Sofía Toro, será a abandeirada de España en París xunto ao piragüista Marcus Cooper, que forma equipo no K-4 con Saúl Craviotto e cos galegos Carlos Arévalo e Rodrigo Germade. Canto aos deportes con máis participantes destaca o piragüismo con nove piragüistas olímpicos e dous paralímpicos confirmados.

Diego Calvo amosou o orgullo da Xunta polo feito de que a delegación galega en París vaia ser a máis numerosa da historia con independencia dos resultados que se obteñan. De todas formas, augurou éxito a todos os participantes co obxectivo de manter as cifras de Toquío 2020, onde os representantes galegos acadaron unha de cada tres medallas conseguidas por España.

Ademais do apoio ao deporte de alto nivel, o titular da Xunta en materia de deportes salientou a importancia de fomentar o deporte base para preparar aos deportistas do futuro con medidas como o programa Xogade, que reúne toda a oferta deportiva escolar e federada para a rapazada de 6 a 16 anos e que contou na última convocatoria con máis de 135.000 participantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2024