A Xunta destaca a quenda de oficio en Galicia como pioneira en España e pide ao Goberno central reformar a Lei estatal de asistencia xurídica gratuíta

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou no Parlamento que a maioría das reivindicacións dos avogados e procuradores deste servizo son de competencia estatal

Lembrou que a Xunta cumpre os seus compromisos nesta materia a través dos convenios cos colexios profesionais e cun investimento desde 2010 de máis de 167 M€

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, definiu hoxe no Parlamento galego o servizo de asistencia xurídica gratuíta en Galicia, como “eficaz,  pioneiro e un referente no resto de España”. Tanto polo investimento realizado desde 2010 con máis de 167 millóns de euros -14,2 millóns neste exercicio- e cunha suba media anual do 3,58% como na actualización dos baremos a través dos convenios co Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego de Procuradores.

Xa o último acordo supuxo unha suba do 15% no período 2021-2024 e actualmente estanse a negociar novas melloras con novos conceptos e axilizando aínda máis os pagos, cando Galicia xa se sitúa  actualmente cunha media de 15 e 20 días por riba do tempo de pago doutras comunidades polos servizos prestados polos profesionais da quenda de oficio.

Por iso, fronte á boa saúde do sistema da quenda de oficio na comunidade galega, Diego Calvo sinalou que a maior parte das recentes demandas dos avogados e procuradores da quenda de oficio fan referencia á Lei estatal de asistencia xurídica gratuíta de 1996 que a Xunta insta a actualizar e a outros textos lexislativos tamén de competencia do Estado.

Grazas á actualización constante dos baremos da asistencia xurídica gratuíta por parte da Xunta, Galicia é unha das autonomías con estes índices máis elevados e das máis áxiles no seu pagamento.

No marco do diálogo cos colexios profesionais -incidiu o conselleiro de Presidencia- tamén se aumentaron os conceptos para dar cobertura ás persoas insolventes que non teñen recoñecido o servizo de dereito de xustiza gratuíta ou as que se atopan en situación de especial vulnerabilidade como as vítimas de violencia sexual ou menores de idade. Nesta liña, Diego Calvo salientou tamén que a comunidade galega é das poucas que ten incorporado a defensa e representación de persoas xurídicas nos procedementos penais, así como o acompañamento inicial a vítimas especialmente vulnerables.

Ademais, a Xunta vén de propoñer como novos conceptos no próximo acordo co Consello da Avogacía Galega e o Consello Galego de Procuradores o pago de entradas e rexistros, asistenciais ás prisións e centros de internamento de réxime pechado, ou o aumento das cantidades percibidas nos procedementos de especial complexidade na xurisdición social e civil.

Tamén se prevé no próximo convenio recoñecer outros conceptos autónomos para o seu cobro como o concurso de acredores de persoas físicas, a liquidación da sociedade de gananciais previa á división xudicial da herdanza ou o procedemento verbal de impugnación de inventario ou de caderno particional nos procesos de división xudicial de patrimonios. Polo tanto, a comunidade galega converteríase -engadiu- nunha das que máis paga por este servizo e por máis conceptos.

Na súa intervención, o conselleiro concluíu que Galicia “garante o dereito de toda a cidadanía a dispoñer dunha asistencia xurídica axeitada e que os profesionais deste servizo cobren en tempo” no que se refire ás competencias da comunidade neste eido.

Data de actualización: 26/06/2024