Lete Lasa sinala que Moaña será o epicentro do ciclismo galego ao acoller esta fin de semana ata sete campionatos de Galicia

Destaca a participación de 200 ciclistas nestes Campionatos e sinala o nome de Alejandra Neira, do Club Ciclista Cambre, que con tan só 16 anos é líder da Copa de España de Estrada Feminina na categoría cadete

Moaña (Pontevedra), 25 de xuño de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o Campionato de Galicia de Ciclismo de Estrada que acollerá nesta fin de semana ata sete probas, dúas masculinas -cadete e júnior- e outras cinco femininas - cadete, júnior, sub-23, elite e máster 40- que servirán de antesala á celebración do Campionato de Galicia masculino elite e sub-23 que se celebrará a partir do vindeiro 23 de agosto, tamen en Moaña.

Lete Lasa destacou a participación de 200 ciclistas nestes Campionatos de Galicia e resaltou a importancia do ciclismo de base co que conta Galicia, sinalando o nome de Alejandra Neira, do Club Ciclista Cambre, que con tan só 16 anos é líder da Copa de España de Estrada Feminina na categoría cadete.

Nas súas verbas, o secretario xeral non quixo perder a oportunidade de falar sobre os próximos Xogos e lembrar aos ciclistas galegos que chegaron a ser olímpicos, como Gonzalo Aguiar nos Xogos Olímpicos de Seul 88 e José Enrique Porto Lareo nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012. Para estes próximos Xogos Olímpicos “contamos con Damián Ramos que tras sufrir un grave accidente en 2014 subiuse á bicicleta e ten todas as papeletas para ser o terceiro ciclista galego nuns Xogos e o segundo nos Paralímpicos”.

O secretario xeral para o Deporte, aproveitou para destacar o bo momento polo que pasa o ciclismo galego, “é sen dúbida, referente nacional e internacional e probas como a deste sábado poñen de manifesto a gran paixón que existe en Galicia polo ciclismo”, lembrando que “as licenzas totais aumentaron nun 400% e as femininas case un 500% dende 2009”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024