Arias destaca que o impulso á gastronomía favorece un turismo máis sostible e desestacionalizado na Mariña

O delegado territorial da Xunta en Lugo participou hoxe na presentación do Plan director de turismo gastronómico da comarca

Viveiro (Lugo), 25 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que a gastronomía é un dos principais factores que atrae visitantes a Galicia e apostar por ela é favorecer un turismo máis sostible e desestacionalizado.

Arias participou hoxe na presentación do Plan director de turismo gastronómico na Mariña, que xorde do Plan de Sostibilidade Turística xestionado pola Mancomunidad de Concellos da Mariña Lucense e cofinanciado pola Xunta de Galicia con 1 millón de euros. Ligado a ese proxecto, presentouse tamén o novo Colectivo de Gastronomía da Mariña, formado por representantes dos diferentes axentes da cadea de valor, desde os produtores ata os hostaleiros.

Ao respecto, Arias sinalou que “o binomio produción agroalimentaria e turismo danse a man para dar lugar a experiencias turísticas que nos permiten afondar no reequilibrio territorial, na loita contra o despoboamento e na protección do patrimonio cultural, ambiental e social”. 

O delegado destacou que a demanda turística medrou na Mariña nun 11% o pasado ano, sendo un dos destinos galegos que experimentou un maior incremento, e lembrou que a  Xunta colabora co xeodestino en accións de promoción e difusión e no desenvolvemento de novas iniciativas, como as audioguías ficcionadas recentemente presentadas de Burela e Xove.  

Igualmente, o Goberno galego coopera cos concellos con achegas para o embelecemento do litoral e o impulso do seu uso turístico. Nos últimos meses, este programa de axudas supuxo na comarca un investimento de máis de 758.000 euros en 24 proxectos. En concreto, executáronse seis actuacións no Vicedo; tres en Xove, Cervo, Ribadeo, Viveiro e Foz; dúas en Burela e unha en Barreiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024