O CIFP As Mercedes colaborará con Protección Civil de Lugo para intervir con drons en emerxencias e plans preventivos

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que a Administración autonómica asinou hoxe un convenio co Concello para levar a cabo esta cooperación durante catro anos

Lugo, 25 de xuño de 2024

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes colaborará con Protección Civil de Lugo para intervir con drons desenvolvidos neste centro docente en actuacións de emerxencia e noutras funcións propias da agrupación.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou durante unha visita ás instalacións educativas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP asinou hoxe un convenio co Concello de Lugo para levar a cabo esta cooperación durante catro anos.

Deste xeito, o CIFP As Mercedes facilitará dispositivos dron con cámara termográfica, óptica e multiespectral que serán pilotados por alumnado do propio centro en intervencións de Protección Civil, tanto para atender situacións de emerxencia ou alarma como para desenvolver programas preventivos ou formativos que requiran o emprego desas ferramentas.

O convenio contempla a cesión dun furgón do Grupo de Drons e Telecomunicacións da agrupación de voluntarios ao CIFP As Mercedes, que o preparará e realizará os mantementos necesarios para intervir nos operativos que se planifiquen. 

Unha vez equipado, o furgón será empregado polo centro de FP para realizar actividades docentes e por Protección Civil cando o precise nas súas actuacións. O CIFP formará ao alumnado que manexe os equipos de voo para que poida participar nas operacións.

Arias destacou a utilidade desta colaboración “que servirá para reforzar os medios de intervención en emerxencias tales como a busca de persoas desaparecidas e que evidencia o gran traballo que se está a facer nos centros galegos de Formación Profesional”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024