Medio Rural reforza a colaboración coa Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia a prol desta produción, na que a nosa comunidade é lider nacional
A conselleira María José Gómez reuniuse en Lugo co presidente da IXP para escoitar as súas demandas, e puxo en valor as axudas para o fomento do castiñeiro, que este ano teñen un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros
Lugo, 25 de xuño de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse esta mañá en Lugo co presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Jesús Quintá. A xuntanza serviu para reforzar a colaboración en materia de ordenación, fomento e promoción desta produción, na que Galicia é líder nacional. Ademais, nesta reunión a conselleira aproveitou para coñecer de preto as demandas e necesidades dun sector cuxas prioridades se asentan en gañar produtores e base territorial.
María José Gómez puxo en valor as axudas do seu departamento para o fomento do castiñeiro, que este ano teñen un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros. A conselleira salientou ademais que o orzamento destas achegas medra un 30% respecto da aprobación da anterior convocatoria e que os investimentos enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Destacou, así mesmo, que a iniciativa alíñase co Plan Forestal de Galicia e co Programa Estratéxico do castiñeiro.
Prazo aberto para o fomento do castiñeiro
Destas subvencións, cuxa convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado día 14 de maio e estará aberto ata mañá, día 26 de xuño, poderán beneficiarse as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos forestais, tanto os propietarios como os arrendatarios ou xestores. A conselleira sinalou, a maiores, que con esta iniciativa dáse continuidade ao labor desenvolvido nos últimos anos pola Xunta nesta materia. En concreto, referiuse á convocatoria de 2023, aprobada por preto de un millón de euros e que vai permitir a plantación de case 20.800 castiñeiros para froito na nosa comunidade.
Nesta reunión cos responsables da IXP, púxose tamén de relevo que Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas de España, absorbendo máis da metade do total nacional. Ese volume de produción anual tradúcese nun impacto económico a nivel autonómico de máis de 20 millóns de euros pagados aos produtores, xerando un valor superior aos 50 millóns de euros en comercialización unha vez transformada.