A Xunta destaca o valor dos Polos de emprendemento como o de Friol para impulsar proxectos innovadores e colaboracións a prol do desenvolvemento do rural

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no evento Potenciando o sector agroalimentario, organizado por este polo en colaboración co GDR-4 Comarca de Lugo e Traloagro

Destacou que o Polo de Friol leva atendidos 150 proxectos e realizou máis de 400 titorías e arredor de 35 actividades e fixo fincapé na importancia da colaboración entre os distintos axentes do territorio para favorecer o progreso do rural

O fin desta actividade é intercambiar experiencias e facer networking para detectar necesidades e oportunidades e impulsar posibles colaboracións entre os participantes coas que potenciar o territorio

Friol (Lugo), 25 de xuño de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, salientou hoxe o valor dos Polos de emprendemento como o de Friol para impulsar proxectos innovadores e colaboracións a prol do desenvolvemento socioeconómico do rural. Así o sinalou durante o evento Potenciando o sector agroalimentario, organizado por este polo en colaboración co GDR-4 Comarca de Lugo e Traloagro e onde tamén destacou que o Polo de Friol leva atendidos 150 proxectos e realizou máis de 400 titorías e arredor de 35 actividades.  

Ademais, Marta Mariño, fixo fincapé na importancia de establecer colaboracións entre os distintos axentes do territorio para impulsar accións que aporten valor engadido ao rural e que favorezan a súa sustentabilidade e progreso. Nesta liña, sinalou que a maioría dos proxectos do Polo de Friol son de actividades profesionais científicas e técnicas (21%) seguido da hostalaría (14%) e a agricultura, gandería, silvicultura e pesca (9%).

Neste sentido, sinalou que actividades coma a que acolle o Polo de Friol son de gran valor para promover esas sinerxías entre distintas iniciativas e axentes do territorio. De feito, a actividade de hoxe será totalmente participativa, constará de dúas partes e incidirase nas vantaxes da cooperación. O obxectivo é intercambiar experiencias e facer networking para detectar necesidades e oportunidades e impulsar posibles colaboracións entre os participantes coas que potenciar o territorio.

Con ese fin, na primeira parte as empresas referentes convidadas compartirán a súa historia facendo referencia aos beneficios das sinerxías con outros produtores ou axentes do territorio. Unha delas é Traloagro, que é unha iniciativa de gandaría ecolóxica certificada de bovino, porcino e avícola e nesta actividade está representada por Isabel Gómez, a creadora e xerente.

Outro proxecto é Cosmética Muuhlloa, froito da unión da cooperativa Milhulloa e de Granxa Maruxa, ambas na comarca da Ulloa, para dar un novo valor á súa produción ecolóxica (prantas medicinais e leite) coa fabricación de produtos cosméticos. As cinco mulleres que forman parte dela estarán representadas nesta actividade por María Álvarez.  A terceira empresa referente que participa nesta parte do evento é Atelier Bisqato, unha queixería artesanal a partir de leite ecolóxico de proximidade e que será explicada hoxe polos seus propietarios María Veiga e Miguel Garea.

Na segunda parte da actividade presentaranse o resto de participantes pertencentes a outros proxectos, compartindo o que fan ou desexan facer, os seus obxectivos ou os seus retos.

Ademais do Polo de Friol, a provincia de Lugo conta cos Polos da Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Sarria. No conxunto destes polos da provincia atendéronse preto de 480 proxectos, a maioría relacionados coa hostalaría (23%) seguido da agricultura, gandería, silvicultura e pesca (12%) e do comercio (11%). Nel lévanse realizado un total de 1.300 titorías e máis de 180 actividades entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da Rede.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2024