A Xunta colabora un ano máis no Rompetiño Jump que xa é unha cita ineludible no panorama urbano nacional e mesmo internacional

O secretario xeral para o Deporte destaca que todos os seus eventos deportivos son de disciplinas olímpicas polo que “o festival contribúe a renovar a lista de olímpicos galegos e galegas que medra cada ano”

O director da Agadic subliña a “excelente engrenaxe entre a faceta deportiva e a musical, así como a súa especial conexión coa xuventude e co territorio, contribuíndo á diversidade e descentralización da oferta cultural galega”

Porto do Son (A Coruña), 24 de xuño de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron na presentación da oitava edición do Rompetiño Fest que vén contando coa colaboración da Xunta de Galicia nos últimos anos.

Lete Lasa lembrou as principais competicións deportivas do Rompetiño -basket 3x3, break dance, BMX e skate- apuntando que son todas elas disciplinas olímpicas e salientou a importancia de deportistas galegos como a skater Julia Benedetti, que estará en París nos seus segundos Xogos; os baloncestistas Marta Canella e Carlos Martínez que están nas seleccións nacionais de 3x3; a ciclista Ainoa Posada, campioa de España infantil de pump track; así como o b-boy David Amor e a b-girl Alicia Babarro, campións de España de break dance sub 21 e júnior, respectivamente.

O secretario xeral asegurou que a consolidación deste festival propicia que Galicia conte cunha “mocidade activa e saudable e que, no futuro, poidamos renovar a lista de olímpicos galegos e galegas que cada ano medra en número e en éxitos”.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciou que o Rompetiño repite este ano como cita asociada á marca FEST Galicia, a través da que a Xunta apoia festivais con características singulares e diferenciadoras que achegan un valor engadido á experiencia musical.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou a excelente engrenaxe entre a faceta deportiva e a musical na programación do Rompetiño, así como a súa especial conexión coa xuventude e co territorio, contrubuíndo deste xeito á diversidade e descentralización da oferta cultural galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2024