O conselleiro de Sanidade e o xerente do Servizo Galego de Saúde reuníronse con responsables da Federación de Asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental (FEAFES)

Gómez Caamaño salienta a vontade da Xunta de continuar a reforzar a atención á saúde mental coa creación dunha subdirección xeral propia

A Consellería de Sanidade vén colaborando con FEAFES mediante o apoio económico para o desenvolvemento de diferentes programas de apoio a pacientes

No presente exercicio a federación recibiu 173.000 euros para a realización de catro iniciativas encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuniuse esta tarde co presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, para abordar a colaboración que o departamento sanitario da Xunta mantén coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental.

No encontro, Gómez Caamaño salientou a aposta do Executivo galego por esta área da saúde, coa creación nesta lexislatura da Subdirección Xeral de Saúde Mental, dentro da estrutura do Servizo Galego de Saúde.

A Consellería de Sanidade vén colaborando con FEAFES en distintos programas impulsados pola federación.

Neste 2024 FEAFES solicitou axudas para a realización de catro programas, recibindo preto de 173.000 euros en subvencións por parte da Administración galega.

Durante a xuntanza, Gómez Caamaño puxo en valor o traballo que realiza FEAFES Galicia na procura por mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias, así como o seu gran labor na defensa dos dereitos deste colectivo.

“Desde a Xunta somos conscientes do grande traballo que fan o conxunto de asociacións que integran FEAFES”, abundou Caamaño, ao tempo que remarcou o seu importante labor “en prol da normalización da saúde mental en Galicia”.

Á xuntanza tamén asistiron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o vicepresidente de FEAFES Galicia, Manuel Fernández, e o director desta entidade, Antonio Hernández.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2024