A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá o establecemento Arturo Domínguez Estudio Decoración & Eventos, no barrio da Magdalena

Martina Aneiros anima ás persoas consumidoras a sumarse á campaña ‘Días Azuis’ para apoiar ao comercio de proximidade

Poden sumarse á iniciativa todos os clientes do comercio galego que fagan as súas compras ata o 30 de xuño e as rexistren a través da web da campaña

Os participantes entrarán nun sorteo de 44 tarxetas por valor de 250 euros e 60 de 150 para mercar nos comercios minoristas

Ferrol, 24 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, animou esta mañá aos clientes do comercio minorista de Ferrol e dos municipios da comarca a sumarse á 12º edición da campaña Días Azuis que desenvolve a Xunta e a Federación Galega de Comercio para apoiar aos negocios de proximidade, impulsar as vendas e garantir o mantemento dos negocios.

Aneiros fixo este chamamento durante unha visita ao estudio de decoración e eventos Arturo Domínguez, no barrio da Magdalena, onde lembrou que poden participar na campaña todas as persoas que merquen nos establecementos de proximidade de Galicia ata o 30 de xuño o que lles permitirá entrar no sorteo de 20.000 euros en premios.

Coa súa participación entrarán nun sorteo de 44 tarxetas por valor de 250 euros e 60 de 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos -deberán ser empregadas para volver a mercar nos establecementos tradicionais galegos ata o 31 de outubro deste ano-.

“Esta é unha iniciativa que demostra o compromiso do Goberno galego coa dinamización deste sector e que se suma a outras accións de impulso como foi o Bono Comercio que chegou este ano á súa quinta edición ou o Bono Remuda para o fomento do traspaso de negocios que ten aberta a súa convocatoria”, indicou Aneiros.

As persoas interesadas en participar na campaña deben rexistrar directamente a súa compra en www.diasazuis.com a través de calquera dispositivo electrónico (móbil, tablet ou ordenador).  A participación tamén pode ser rexistrada polo comerciante a través da plataforma www.diasazuis.com/comercios, onde se pode introducir directamente a operación de compra dos clientes, duplicando deste xeito as súas opcións de gañar.

A campaña é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio e conta co apoio das Federacións Provinciais de Comercio, as asociacións de comerciantes, os centros comerciais abertos de Galicia e de Abanca.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2024