A Xunta eleva ata os case 8,8 M€ o orzamento do programa ‘Aprol Rural’ para poder contratar preto de 550 persoas na Galicia non urbana

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación presupostaria da iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a promover o emprego relacionado maioritariamente con tarefas de prevención de incendios forestais

Trátase dun incremento orzamentario de case un 25% que redundará nun aumento de case un 9% no número de contratacións en concellos da Galicia non urbana

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se amplía a dotación orzamentaria do programa para o fomento do emprego no medio rural ata os case 8,8 millóns de euros, posibilitando así a contratación dun total de 531 persoas en preto de 300 concellos de Galicia.

 O programa Aprol Rural está dirixido a que concellos rurais, ben de maneira individual ou conxunta, promovan a contratación de traballadores para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios forestais nas faixas secundarias. En concreto, contémplase a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa.

A efectos de seren beneficiarios, esta orde considera concellos rurais todos os galegos, agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Con carácter xeral outórgase a subvención para un contrato nos concellos, aínda que as prazas con apoio poden chegar a catro atendendo a que a solicitude a realicen entidades fusionadas ou municipios emprendedores.

As achegas dan cobertura aos custos salariais totais das persoas incorporadas, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada cuns máximos establecidos en función dos grupos de cotización á Seguridade Social que correspondan á categoría profesional dos traballadores e traballadoras a contratar.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240624/AnuncioG0767-190624-0001_gl.html

Data de actualización: 24/06/2024