O presidente da Xunta realiza varias etapas do Camiño Portugués da Costa, que prolongará ata Fisterra

Rueda destaca o peso do peregrino internacional no Camiño de Santiago e unhas rutas cada vez máis diversificadas

Fai fincapé en que antes de que remate xuño xa se superará a cifra de 200.000 compostelas, o que augura un novo récord anual de peregrinos

Pontevedra, 22 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o peso que ten o peregrino internacional no Camiño de Santiago, que xa supera o 60 % da cifra total, e valorou que cada vez os visitantes opten por rutas xacobeas máis diversificadas e desestacionalizadas.

O mandatario galego realiza estes días varias etapas do Camiño Portugués da Costa, o que máis medrou nos últimos anos, e valorou que este mesmo mes xa se acadarán as 200.000 compostelas, un feito que augura un novo récord anual de peregrinos, algo que ten máis valor se cabe polo feito de non ser Ano Santo.

“Estase conseguindo que a Marca Galicia, algo que é fundamental para nós, para o noso turismo, para representar a Galicia no mundo, teña mellor saúde que nunca”, afirmou o presidente galego desde Pontevedra, lugar desde onde comezou a etapa de hoxe.

O presidente da Xunta quixo animar a vivir “toda unha experiencia” como é facer algún dos camiños de Santiago e destacou que tanto o Camiño portugués tradicional como o Portugués da Costa “xa están case a par do francés” en número de peregrinos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2024