A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, xunto co delegado territorial da Xunta, asistiron ao acto do 125 aniversario do Colexio Oficial de Médicos de Lugo
A Xunta aposta polo diálogo, a cooperación e o entendemento cos profesionais para orientar as políticas sanitarias nos vindeiros anos
A Consellería de Sanidade agradece a disposición ao entendemento manifestada polos Colexios Oficiais de Médicos
Avoga por acadar acordos amplos, contando coas sociedades científicas, a universidade, as organizacións sindicais, as asociacións de pacientes e os colexios profesionais
Lugo, 21 de xuño de 2024
“O diálogo, a cooperación e o entendemento cos profesionais é fundamental para orientar as políticas sanitarias nos vindeiros anos”. Así o manifestou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, no acto de 125 aniversario do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares.
Na súa intervención, a directora xeral indicou que as preocupacións, as inquedanzas e os desafíos que sinalan os colexios oficiais de médicos deben ser coñecidos, compartidos e afrontados polos responsables de xestionar o sistema sanitario.
Incidiu, nesta liña, en que a Consellería de Sanidade e os colexios profesionais comparten o obxectivo de que o sistema sanitario responda do mellor xeito posible ás necesidades dos pacientes e dos profesionais encargados de velar pola súa saúde.
A representante do departamento sanitario galego agradeceu a disposición ao entendemento amosada polos colexios oficiais de médicos e puxo en valor a dedicación e o compromiso dos médicos de Lugo, que demostrou ser esencial para fomentar a boa práctica profesional, o coñecemento científico e a investigación.
Sofía López rematou a súa intervención remarcando a necesidade de procurar acordos máis amplos, contando coas sociedades científicas, a universidade, as organizacións sindicais, as asociacións de pacientes e os colexios profesionais algo para o que, asegurou, a man da Xunta sempre vai estar tendida.