Medio Rural enxalza a importancia da conservación e promoción da Rubia Galega na Poxa de gando vacún selecto do Corgo

A conselleira María José Gómez asistiu á 101 edición deste certame, onde valorou o compromiso do seu departamento co futuro da gandaría galega, tanto de leite como de carne, fomentando especialmente as razas autóctonas da nosa comunidade

O Corgo (Lugo),  22 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta mañá á 101 edición da Poxa de gando vacún selecto de Raza Rubia Galega, que se está a celebrar na localidade lucense do Corgo e que organizan o Concello e a Asociación de criadores Acruga. Neste evento, a conselleira puxo de relevo a importancia da conservación e promoción desta raza e o compromiso do seu departamento co futuro da gandaría galega, tanto de leite como de carne, fomentando especialmente as razas autóctonas da nosa comunidade.

Neste sentido, Gómez destacou a liña de axudas para certames de gando bovino selecto, para a que se destinan 200.000 euros na última convocatoria deste ano e tamén o convenio subscrito con Acruga para continuar incidindo na consolidación e diversificación xenética da Rubia Galega.

Así mesmo, a conselleira salientou a relevancia da colaboración público privada, coa participación das administracións e as asociacións sectoriais, en beneficio do campo galego. Así mesmo, felicitou aos gandeiros pola súa “sensibilidade, profesionalidade e interese” por mellorar a xestión do seu gando e das súas explotacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2024