A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou xunto á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, as obras que transforman este espazo

A Xunta inaugura a humanización da contorna de San Eleuterio en Mos, executada ao abeiro do Plan Hurbe

Os traballos converten a contorna da ermida de San Eleuterio nun espazo público de calidade, con prioridade para os peóns 

A obra, cun investimento de 1M€, foi financiada a través dun convenio no que o Goberno galego aportou o 70% do financiamento e o Concello de Mos o 30% restante

Os traballos consistiron na dotación de zonas verdes, na renovación completa do mobiliario urbano e a remodelación da pavimentación da zona, ademais da protección de todos os elementos culturais como a propia ermida de San Eleuterio e o cruceiro

Esta é a terceira actuación abordada a través do Plan Hurbe en Mos, despois da humanización da contorna parroquial de San Mamede e a mellora integral da urbanización de San Rafael, cun investimento total de 2,6M€

Mos (Pontevedra), 23 de xuño de 2024

A contorna da ermida de San Eleuterio, no concello pontevedrés de Mos, loce xa o seu novo aspecto tralas obras de humanización levadas a cabo pola Xunta e o Concello ao abeiro do Plan Hurbe, nas que ambas administracións investiron un total de 1,03M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asistiu hoxe á inauguración do renovado espazo, xunto á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. 

Estes traballos de humanización foron financiados a través do convenio de colaboración asinado entre as administracións autonómica e local, co fin de converter a contorna desta ermida nun espazo público de calidade con prioridade para os peóns, no marco do citado Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego para axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. A Xunta financiou o 70% da obra e o concello asumiu o 30% restante.

A conselleira destacou a calidade con que foi realizada esta obra, “que se vai converter nunha referencia” e que ademais de abordar a pavimentación da zona, a dotación de zonas verdes, a renovación do mobiliario urbano e a adecuación da rede de pluviais, tivo especial coidado na reforma das instalacións urbanas como a da iluminación e na protección de todos os elementos culturais. 

Martínez Allegue subliñou que Mos conta agora “cun espazo público de calidade con prioridade para os peóns, que veu melloradas as condicións de accesibilidade, por medio dunha plataforma única e a redución da velocidade a 30 km/h”.

Lembrou así mesmo que a actuación na contorna da ermida é a terceira actuación que financian Xunta e Concello de Mos nos últimos anos ao abeiro do Plan Hurbe, despois da humanización da contorna parroquial de San Mamede (abordada no 2020 cun investimento de máis de 350.000€) e a mellora integral da urbanización de San Rafael, en Pereiras, tamén por 1M€, que rematou a finais do pasado 2023. “Son, polo tanto, -sinalou- 2,6M€ de investimento neste concello de Mos para transformar espazos, que dan conta do compromiso deste goberno local por mellorar este concello e impulsar proxectos que transformen o municipio. Traballamos da man para seguir a impulsar o desenvolvemento de Mos”.

A través do Plan Hurbe abordáronse nos últimos catro anos 86 actuacións en Galicia, que supoñen un investimento de 17,1 M€. Como destacou a conselleira na súa intervención, “son proxectos que nos axudan a transformar o noso territorio e a poñer en valor a súa singularidade”. “Axúdannos -engadiu- a crear concellos habitables, a mellorar a calidade de vida e fortalecer o tecido social, cun obxectivo claro: recuperar espazos públicos e dinamizar deste xeito os municipios con criterios de accesibilidade, seguridade e funcionalidade”. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2024