A Xunta convoca hoxe en Silleda preto de 2.550 persoas ás probas para avaliar competencias clave en galego, castelán, matemáticas e inglés

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu ao inicio dos exames de nivel 2 e 3 para comprobar in situ o correcto funcionamento do procedemento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

A iniciativa está dirixida a persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar certificados profesionais que inclúen como requisito esa formación

Para facilitar a realización destas probas a todas as persoas que así o precisen celebraranse tamén a semana que ven nas instalacións de Fademga, en Santiago, no Centro de Reeducación Concepción Areal da Coruña e nos centros penitenciarios de Teixeiro (A Coruña) e da Lama (Pontevedra)

Silleda (Pontevedra), 22 de xuño de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, asistiu hoxe ao inicio das probas para avaliar as competencias clave en galego, castelán, matemáticas e inglés que se celebraron no Recinto Feiral Internacional da Fundación Semana Verde en Silleda. Lado desexou sorte aos participantes na 18º convocatoria destes exames na que foron admitidos un total de 2.549 galegas e galegos: 1.662 para o nivel 2 de cualificación e 887 para o nivel 3.

Así mesmo, a directora xeral comprobou que fora axeitado o desenvolvemento destas probas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para as que hai despregadas un operativo de máis de 80 persoas encargado de que todo se realice de xeito correcto e con total seguridade; tamén se dispón de asistencia médica e ambulancia para atender calquera incidencia que se puidera producir durante o desenvolvemento da iniciativa.

Estas probas van dirixidas a aquelas persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato e, polo tanto, non contan cos requisitos de formación requiridos para acceder aos cursos cos que se poden obter os certificados profesionais. Deste xeito, coa aprobación destas competencias clave en galego, castelán, matemáticas e inglés os participantes poden acreditar os seus coñecementos, acceder á formación para o emprego e cursar os certificados profesionais que requiren deses requisitos académicos.

O obxectivo da actuación é incrementar a calidade da formación, axustala á demanda e mellorar as posibilidades de inserción profesional das persoas desempregadas.

Con esta medida, en definitiva, a Xunta trata de favorecer o acceso á cualificación profesional de galegos e galegas, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro. 

Outras datas

Ademais das probas que se realizan hoxe en Silleda, a vindeira semana celebraranse tamén nas instalacións de Fademga, en Santiago de Compostela, no Centro de Reeducación Concepción Areal da Coruña e nos centros penitenciarios de Teixeiro (A Coruña) e da Lama (Pontevedra) co fin de facilitar a realización destes exames a persoas que doutro xeito non se poderían presentar ou lles resultaría máis difícil facelo.   

Como novidade nesta edición, ofrécese a oportunidade aos participantes de presentarse tamén ás probas que se celebrarán no mes de outubro, cando está prevista a realización dunha proba adicional para todas aquelas persoas que, presentándose á primeira oportunidade agora en xuño, lles quede pendente superar algunha competencia na que se inscribiron. O desenvolvemento das probas en dúas datas, en xuño e outubro, permitiralles o poder completar a superación de todas as competencias clave sen necesidade de ter que esperar a unha nova convocatoria, o que se traduce en dúas oportunidades de acadar cada competencia clave cunha única inscrición.

Publicación dos resultados

A publicación dos resultados provisionais está previsto para a segunda quincena do mes de xullo, abríndose un prazo para reclamacións de 4 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración https://conselleriaemprego.xunta.gal/formacion/competencias-clave/convocatoria-probas , onde tamén poderán consultarse os resultados definitivos unha vez que sexan revisadas as reclamacións que se poidan presentar.

Data de actualización: 22/06/2024