A Xunta aposta por un reparto de competencias no que se optimicen as funcións de cada administración

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración do ‘VI Congreso Red Localis’, onde lembrou que o Goberno galego está a avaliar coa Fegamp na comisión técnica de competencias as que corresponden a cada administración co obxectivo de chegar ao máximo consenso posible

Na súa intervención incidiu na necesidade de clarificar competencias co obxectivo de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na clausura do VI Congreso Red Localis, que nesta edición se centra na reforma das competencias locais.

Na clausura do foro puxo en valor o importante labor deste espazo único a nivel nacional para debater sobre as problemáticas no eido local e abordar propostas de solución. O congreso enmarcase na cátedra institucional de Bo Goberno Local posta en marcha o ano pasado entre a Xunta e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora da Red Localis.

Na súa intervención, Diego Calvo avogou por un reparto de competencias entre as administracións no que se optimicen as funcións de cada unha. Nesta liña, a Xunta xa está a traballar coa Federación Galega de Municipios (FEGAMP) coa finalidade de clarificar as competencias das administracións autonómica e local.

Sobre este asunto, destacou a necesidade de que se aclaren as competencias de cada administración e lembrou que a Xunta está a traballar neste eido a través da comisión técnica de delimitación de competencias creada en abril do ano pasado. Este organismo está a avaliar o estudo da Xunta -elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago- e a proposta da Fegamp. O Goberno galego está á espera de que a Fegamp fixe novas datas de reunións desta comisión para chegar ao máximo acordo posible na maioría dos ámbitos.

Trátase de, primeiro, valorar que competencias debe asumir cada administración e en que parte -Xunta, Goberno central, deputacións provinciais e entidades locais- e de forma rigorosa avaliar se cada unha está a asumir os seus compromisos, así como cuantificar canto custa a prestación de cada servizo e os recursos dispoñibles tendo en conta que en Galicia, de media, as contías son máis elevadas pola dispersión e o envellecemento da poboación. En definitiva, a través desta comisión -sinalou Diego Calvo- búscase evitar duplicidades coa finalidade de garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos.

Por outra parte, a Administración autonómica continuará a promover a prestación conxunta de servizos. Esta fórmula -como indicou o conselleiro de Presidencia- pretenden consolidarse precisamente na modernización da Lei de Administración Local de Galicia, da que a Xunta xa elaborou o borrador ao abeiro do convenio coa Universidade de Vigo para poder iniciar a súa tramitación. Do mesmo xeito, instou ao Goberno central a actualizar a lei estatal reguladora das Bases do Réxime Local e o sistema de financiamento local que “ten que ir vencellado á negociación do financiamento autonómico entre o Executivo estatal e as comunidades”.

Para compensar precisamente os desfases do actual sistema de financiamento local, a Xunta garante de forma pioneira desde 2011 a participación das entidades locais nos orzamentos autonómicos a través do Fondo de Cooperación Local, que este ano acada os 152 millóns de euros. Esta contía inclúense nos máis de 600 millóns de euros que se transferirán aos concellos este ano mediante as distintas liñas de axudas da Administración autonómica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024