O delegado territorial presentou esta mañá a ‘Jornada Intercomunitaria de Longevidad y Hábitos Saludables’

Manuel Pardo enxalza a excelencia dos nosos produtos alimentarios de proximidade e o bo facer dos produtores locais

O delegado territorial referiuse á Lei da calidade alimentaria de Galicia que reafirma a aposta da Xunta pola sustentabilidade e a trazabilidade das producións primarias da nosa comunidade

A xornada desenvolverase na casa da cultura de Xinzo de Limia o venres 28 de xuño ás 17,30 horas e o 29 de xuño ás 10,00 horas

Organizada polo concello de Xinzo de Limia e a Asociación Ourensividad, conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense

Participarán relatores de talla internacional expertos en lonxevidade e hábitos saudables

Ourense, 21 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou hoxe a excelencia dos nosos produtos alimentarios e subliñou a importancia de apostar pola calidade dos produtos locais e de temporada como vía para garantir a sustentabilidade económica e social do rural galego, enxalzando o bo facer dos produtores locais.

Así o fixo o delegado territorial na presentación da ‘Jornada Intercomunitaria de Longevidad y Hábitos Saludables’, que se desenvolverá na casa da cultura de Xinzo de Limia o venres 28 de xuño ás 17,30 horas e o 29 de xuño ás 10,00 horas. Organizada polo concello de Xinzo de Limia e a Asociación Ourensividad e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, esta xornada pretende reflexionar sobre os hábitos saudables que condicionan o envellecemento activo dos maiores.

Manuel Pardo referiuse á Lei da calidade alimentaria de Galicia que reafirma a aposta da Xunta pola sustentabilidade e a trazabilidade das producións primarias da nosa comunidade, así como pola promoción desa excelencia e pola profesionalización e o fomento da participación do sector.

Deste xeito – significou o delegado territorial- “este texto converte a Galicia na primeira comunidade autónoma que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria, de forma que se establece un sistema baseado nun conxunto de normas encamiñadas a garantir o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e a cidadanía, e unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, especialmente no caso dos operadores primarios”.

As xornadas “InterLhas”

A xornada “InterLhas” contará con relatores de talla internacional expertos en lonxevidade e hábitos saudables. Entre os relatores hai que destacar a Esperanza Navarro, José María Failde, Manuel Santos, Dolores Fernández, Maite Soy Andrade, Lola Rico Barrena, Pablo García Vivanco, José Manuel Lage Parente ou Manuel Mandianes.

Durante a xornada significarase o valor da alimentación local e das Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) e das Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) que temos na provincia e dos alimentos máis significativos. Entre eles, falarase das propiedades das patacas, dos pementos, do noso aceite de oliva virxe extra, doutras hortalizas importantes da nosa gastronomía como os grelos e repolos, o queixo, a tenreira galega, o polo, a vaca rubia e o boi galego e tamén o pulpo ou os viños autóctonos.

Tamén haberá espazo para falar da nosa calidade da auga e do termalismo coas súas indicacións terapéuticas como propiedades antirreumáticas e dermatolóxicas.

Os expertos mundiais falaranos do envellecemento saudable na provincia de Ourense como icona da lonxevidade global e os expertos en zonas azuis indicarannos por que a provincia de Ourense é unha das candidatas a formar parte dese conxunto privilexiado de “zonas azuis” onde chegar aos cen anos e con calidade está ao alcance de todos.

A inscrición é gratuíta, e a participación nelas inclúe bolsa e material do congreso, diploma de asistencia e cátering.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024