A Xunta saca a licitación por algo máis de 331.000 € as obras de reforma da cociña e do comedor do CPI Atios de Valdoviño

A actuación consistirá na remodelación interior do volume do comedor e a cociña do edificio existente e o acondicionamento da súa envolvente para mellorar a estanquidade, a eficiencia enerxética e garantir as condicións de confort interior dos usuarios

O prazo de execución dos traballos será de tres meses

Ferrol, 22 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia sacou a licitación esta semana as obras de reforma da cociña e o comedor do CPI Atios de Valdoviño por un importe de 331.355,14 euros (ive incluído).

A actuación coa que se pretenden mellorar as condicións e o mal estado dos elementos deteriorados co paso do tempo, consistirá na reforma interior do volume do comedor e cociña do edificio existente e na mellora da súa envolvente coa finalidade de gañar estanquidade, eficiencia enerxética e garantir as condicións de confort interior dos usuarios.

Para iso prevese unha reorganización máis funcional do espazo da cociña coa demolición da cámara frigorífica de obra que existe na actualidade e que resulta ineficiente. No seu lugar crearase un espazo de almacenaxe que albergará dous frigoríficos novos e unha peladora xunto a un vertedoiro próximo. O proxecto inclúe tamén a renovación dos acabados interiores para mellorar a salubridade e a manipulación de alimentos e a substitución das instalacións necesarias na cociña, no comedor e no cuarto de almacenaxe.

O proxecto previsto e que conta cun prazo de execución de tres meses, propón tamén a renovación das cubertas e carpinterías existentes, así como a execución do illamento exterior continuo co sistema SATE.

Ademais levarase a cabo un cambio de dirección no último tramo da escaleira de evacuación de incendios existente para non obstaculizar o patio de xogos e se executarán obras de reparación e pintado na devandita escaleira. Por último, acometeranse actuacións de reparación da impermeabilización encima dos vestiarios.

A intervención no CPI Atios está incluída no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está modernizando os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais.

Data de actualización: 21/06/2024