O Consello Reitor da Axega aborda os avances tecnolóxicos e de coordinación implantados no último ano

O director xeral de Emerxencias e Interior e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) presidiron a reunión

Entre outras, houbo melloras da ciberseguridade, na comunicación de emerxencias e na operativa das tarefas asignadas ao Grupo de Apoio Loxístico

A Estrada (Pontevedra), 21 de xuño de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, presidiron esta mañá a sesión ordinaria do Consello Reitor da Axega. Durante a reunión, celebrada nas instalacións da Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, expúxose a memoria de actividades desenvolvidas o pasado ano e informouse das principais actuacións en curso, que supuxeron avances en diversos ámbitos.

A potenciación das novas tecnoloxías no centro materializouse na adaptación da plataforma de xestión de emerxencias GEMMA ás esixencias da normativa Next Generation, que revolucionará a comunicación de emerxencias coa posibilidade de realizar videochamadas, texto en tempo real ou monitorizar as redes sociais.

Neste mesmo ámbito traballouse na mellora da xeolocalización de chamadas e púxose en funcionamento o sistema ES-Alert, xa testado en contornas reais e que permite enviar avisos a todos os móbiles situados na zona dunha emerxencia ou catástrofe inminente.

Tamén se introduciron melloras na coordinación con outros organismos: continúase traballando na integración telemática coa Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061, coa Garda Civil e a Policía Nacional. De feito, estes dous corpos de seguridade contan con postos operativos na área de servizos integrados do CIAE-112 Galicia e xa traballaron desde a sala en días de aumento do risco previsible.

En canto ao Grupo de Apoio Loxístico, o brazo operativo da Axencia Galega de Emerxencias presta servizo as 24 horas todos os días do ano. O 2023 estivo marcado pola incorporación de melloras dotacionais enfocadas ás necesidades da cidadanía, como a actualización da flota de drons, unha unidade operativa imprescindible á hora de dar resposta a calquera emerxencia, dispositivo de seguridade ou intervención.

Neste sentido, unha das principais iniciativas nas que participa a Axega é o proxecto DRONEFINDER, que combina a aplicación da intelixencia artificial co uso de drons e pulseiras localizadoras para tratar de poñer fin a un problema crecente na sociedade galega como son as desaparicións entre a poboación máis envellecida.

Ademais, no 2023 presentouse o novo proxecto de Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias (ATEMPO), que mellora a eficacia na prevención e na xestión de emerxencias naturais a ambos lados da fronteira galego portuguesa.

Finalmente, durante a reunión tamén se comentaron as accións relacionadas coa prevención e destinadas á cidadanía, como a difusión de consellos de autoprotección, da actividade diaria da Axencia, as redes sociais ou as visitas e a organización de eventos e xornadas de concienciación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024