A delegada da Xunta en Vigo pide ao alcalde “boa vontade e afán construtivo” para desbloquear “proxectos de cidade” e avanzar co presidente en melloras para a cidadanía

Ana Ortiz agarda que Abel Caballero abra na reunión do vindeiro martes unha “nova etapa de colaboración” co Goberno galego “en beneficio dos vigueses”

Urbanización da ETEA, pista de atletismo de Balaídos, CGAC, Casco Vello, área e transporte metropolitano e Camiño da Costa, entre os temas a tratar

Vigo, 21 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, avanzou este venres algúns dos principais temas que o Goberno galego trasladará ao Concello de Vigo na reunión concertada para o vindeiro martes 26 de xuño (10:00 horas) na Delegación Territorial viguesa entre o presidente, Alfonso Rueda, e o alcalde, Abel Caballero.

Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, a representante autonómica celebrou que o rexedor vigués aceptase a invitación do máximo responsable da Xunta. “A colaboración entre administracións sempre vai en beneficio dos administrados e esperamos que este sexa un punto de partida. Espero que o alcalde veña co talante adecuado para chegar a acordos e abrir unha nova etapa de colaboración”, sinalou.

Ademais, amosou o a súa confianza en que o alcalde acudise “con boa vontade e con afán construtivo” para avanzar co presidente en melloras para a cidadanía. “Desde a Xunta consideramos que durante este encontro debería desbloquear por fin unha serie de proxectos vitais e de cidade, que aínda que non son os únicos, si polo menos cremos que algúns dos máis importantes”, apuntou.

Desenvolvemento da ETEA

Desta forma, Ana Ortiz fixo especial mención á necesidade de avanzar no desenvolvemento do ámbito da ETEA, para o que é necesario que o Concello poña a disposición os terreos. “Queremos cumprir o convenio que asinou o propio alcalde en 2009 e que nos encomenda o labor para urbanizar a zona: temos o proxecto, temos o diñeiro, as partidas consignadas e a vontade clara do Goberno galego para investir 12 millóns de euros en Vigo”, destacou.

Pistas de atletismo

A delegada territorial tamén referiuse ás pistas de atletismo de Balaídos, para as que a Xunta ten dispoñibles tres millóns de euros desde hai unha década. “Ante a falta de instalacións decidimos instalar un módulo para os atletas no Ifevi”, lembrou.

Área e Plan de Transporte Metropolitano

A negativa do Concello a entrar no Plan de Transporte Metropolitano, o que provoca que non sexa efectiva a área Metropolitana, tal e como sentenciaron os tribunais, será outro dos asuntos tratados. “A incorporación ao Plan de Transporte só supón beneficios para os cidadáns: menor custo, mellora da mobilidade, redución do tráfico e da contaminación”, apuntou.

A sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a recuperación do Casco Vello, a mellora do saneamento, a sinalización do Camiño da Costa ao seu paso por Vigo, a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), os accesos ao Centro Vialia ou o soterramento da VG-20 en Navia tamén foron incluídos pola delegada entre os asuntos a tratar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024