A Xunta apoia a Liga Galega de Traiñeiras con 25 equipos nas súas tres categorías

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta tarde na illa de San Simón no acto de presentación da competición de banco fixo, que o Goberno galego apoia cunha achega de 125.000 euros

O remo galego contará con representación nos Xogos Olímpicos de París na modalidade de banco móbil con Rodrigo Conde e Caetano Horta

Redondela (Pontevedra), 22 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación da Liga Galega de Traiñeiras, que arrincará o próximo 30 de xuño e se prolongará ata o 25 de agosto cun total de 25 equipos. No acto, agradeceu o traballo da Asociación Liga Noroeste por organizar un ano máis a competición por excelencia do banco fixo en Galicia nas súas tres categorías: Liga A, Liga B e Liga feminina.

Aínda que esta modalidade non é olímpica, o remo galego terá presenza nos Xogos Olímpicos deste ano en París na categoría de banco móbil cos remeiros galegos Rodrigo Conde e Caetano Horta.

O Goberno galego incrementou este ano o apoio e patrocinio desta actividade ata unha achega de 125.000 euros e puxo en valor o aumento tamén do número de licenzas de remo, que se duplicaron desde 2009.

Diego Calvo salientou os fortes vínculos que unen deporte coa cultura e coa tradición, en especial no caso das traiñeiras debido á tradición do remo nos pobos mariñeiros. Nesta liña, puxo como exemplo que a presentación do evento se levase a cabo na contorna da Illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural.

Creada en 2003 só coa Liga Masculina, posteriormente incorporáronse a Liga Masculina B e a Liga Feminina. Así, actualmente estruturase en 12 equipos na Liga A, outros seis na Liga B e sete na feminina.

Competición ata finais de agosto, con 32 regatas

O de 30 de xuño en Narón celebrarase a primeira dun total de 32 regatas entre as tres categorías. A Liga A está conformada por 12 equipos: SD Samertolameu, CR Ares, SD Tirán-Pereira, CM Castropol, CR Chapela-Wofco, CR Cabo da Cruz, CR Rianxo, CR Mecos, CCD Cesantes-Rodavigo, CR Narón, Mugardos-A Cabana e CR Urme (Muros)

Por outra banda, na Liga B competirán un total de seis equipos: CR Chapela-Wofco B, CRN Riveira, CR Salgado-Perillo, CM Bueu-Simei, CR Cedeira e CR Puebla.

Canto á competición feminina, participan o CR Chapela-Wofco, Mugardos-A Cabana, CR Rianxo, Cesantes-Amegrove-Cefycal, CR Salgado-Perillo, CM Castropol e CR Cabo da Cruz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2024