A Xunta destaca a importancia de dar a coñecer á cidadanía o traballo das forzas de seguridade e dos servizos de emerxencias

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, visitaron as actividades celebradas no marco da ‘II Xornada de Emerxencias e Seguridade´ de Teo

Teo (A Coruña), 22 de xuño de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, asistiron esta mañá xunto co comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal en Teo á II Xornada de Emerxencias e Seguridade organizada polo Concello e a empresa Fuego y Mar para dar a coñecer á cidadanía o traballo dos distintos efectivos e os seus medios técnicos.

A explanada da Casa Común de Oza acolle ao longo do día de hoxe demostracións de equipos e corpos de emerxencia, así como talleres, xincanas, xogos e demostracións. As actividades van dirixidas a promover o imprescindible labor que realizan por velar polo benestar da cidadanía as forzas e corpos de seguridade, os servizos sanitarios e os efectivos de rescate e emerxencias.

Por iso, participarán membros da Policía Autonómica, a Policía Local de Teo e a Policía Nacional, así como efectivos da Garda Civil, da Garda Nacional Republicana de Portugal, da Gendarmería Nacional Francesa e os militares do Tercio Norte de Ferrol, 061, Cruz Vermella e Protección Civil de Teo, servizos municipais de emerxencias de Vilagarcía de Arousa e de Teo, así como de Salvamento Marítimo e da empresa Fuego y Mar e helicópteros do 061, da Garda Civil e de loita contra incendios forestais, este último con simulación de descarga de Bambi.

A visita do director xeral coincidiu coa demostración de traballo das unidades caninas da Policía Nacional, concretamente de rastrexo e control de billetes e do Exército, cunha demostración de defensa e ataque. Xa pola tarde, procederase a un simulacro de incendio en plataforma elevada e outro dun accidente de circulación por alcance entre dous turismos e unha cisterna de mercadorías perigosas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2024