A Xunta apoia un Campus Internacional de Ximnasia Rítmica que acollerá Monforte de Lemos a próxima semana

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa, dirixida a nenas e nenos en idade escolar a partir de 6 anos

Lugo, 21 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia apoia o Campus Ucraniano Internacional de Ximnasia Rítmica que se desenvolverá en Monforte de Lemos a próxima semana, do luns 24 ao venres 28 de xuño.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da iniciativa, organizada polo club Quicela de Monforte. As actividades van dirixidas a nenas e nenos en idade escolar a partir dos 6 anos e desenvolveranse no pavillón municipal da Pinguela.

O equipo técnico conta con tres adestradoras internacionais dirixidas por Hanna Rizadtinova, medallista olímpica e impulsora da segunda escola de ximnasia rítmica máis importante de Ucraína. Tamén estará a campioa de Europa Valeriya Yuzviak e a preparadora física especializada en ximnasia rítmica Magda Cumbres. Haberá ademais outros técnicos e monitores de ocio e tempo libre titulados.

O obxectivo do campus é fomentar entre os máis pequenos uns hábitos de ocio vinculados á actividade física, ao tempo que se promove a práctica da ximnasia rítmica. Tamén pretende ofrecer un servizo de conciliación ás familias e favorecer os lazos entre persoas de distintos países, xa que está prevista a presenza de ximnastas de diferente procedencia.                                                                

Arias destacou que a Xunta colabora con clubs e entidades da provincia na posta en marcha de actividades deportivas e de ocio durante a tempada estival. Ao mesmo tempo, a Administración autonómica organiza cada ano os campamentos de verán que nesta edición ofrecen máis de 11.500 prazas en instalacións de toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/06/2024