O conselleiro clausura a xornada de presentación dos instrumentos de financiamento do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) e a Axencia Galega de Innovación
Román Rodríguez subliña a competitividade e capacidade de Galicia para captar fondos de I+D+i
As entidades galegas recibiron apoio a 308 proxectos de I+D+i por parte deste ente estatal nos últimos cinco anos, o que permitiu mobilizar 186 millóns de euros
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou esta mañá a xornada de presentación dos instrumentos de financiamento da I+D+i a nivel estatal e autonómico, unha cita organizada conxuntamente, en Santiago de Compostela, polo Centro para el Desarrollo Tecnológico e Innovación (CDTI) e a Axencia Galega de Innovación.
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia, Carmen Cotelo, puxo de relevo a competitividade e capacidade dos axentes galegos da I+D+i para captar fondos a nivel nacional e internacional, como demostran os 308 proxectos apoiados por CDTI en Galicia nos últimos cinco anos, que permitiron mobilizar 186M€. O conselleiro apuntou que para iso é esencial que as administracións de todos os niveis incentiven a cultura innovadora e apoien a I+D+i no tecido produtivo de xeito coordinado.
Neste punto, o titular de Educación e Ciencia agradeceu a colaboración do CDTI, principal organismo a nivel estatal encargado do fomento da I+D+i empresarial, co que a Xunta de Galicia mantén un convenio de colaboración desde 2007 co obxectivo de ampliar as oportunidades de financiamento das entidades galegas e mellorar a complementariedade entre as diferentes axudas.