Lete Lasa destaca o Rallye Recalvi Rías Baixas como o máis lonxevo de Galicia que este ano volve ocupar o lugar que lle corresponde: "a elite nacional"

O Rallye Rías Baixas terá lugar os días 4, 5 e 6 de xullo e viaxará por numerosos concellos da provincia de Pontevedra

Vigo, 20 de xuño de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación da 57 edición do Rallye Recalvi Rias Baixas, do que destacou a súa “singularidade e lonxevidade”, ao ser o rally máis antigo de Galicia coa súa creación en 1963. O mandatario galego destacou tamén que, neste 2024, o Rallye Rías Baixas recupera o lugar que lle corresponde na “elite nacional”, ao ser a segunda proba galega, xunto ao Rally de Ourense celebrado na pasada fin de semana, que puntúa na proba raíña do automobilismo nacional: o Súper Campionato de España de Rallyes de Asfalto, creado en 2019.

Neste sentido, Lete Lasa sinalou como o automobilismo galego saca músculo ao contar con nove probas nos calendarios nacionais: unha na Copa de Rallys de Asfalto -o Rallye Cidade de Narón-, outra no Campionato de Montaña -a Subida a Chantada-, dúas no Campionato de Autocross -Carballo e Arteixo-, outra no Campionato de Enerxías Alternativas -Eco Rallye A Coruña-, outra máis no Campionato de Vehículos Históricos -Rallye Rías Altas Histórico-, e as dúas xa nomeadas no Super Campionato: o Rally de Ourense e o Rías Baixas.

“O automobilismo en Galicia atópase nun dos seus mellores momentos e é parte fundamental do noso ADN” destacou o secretario xeral para o Deporte. Hoxe en día as licenzas creceron un 53% dende 2009, ata as 2.750, entre as que destacou que, “as femininas xa chegan a 350, polo que se multiplicaron por sete”.

O Rallye Rías Baixas terá lugar os días 4, 5 e 6 de xullo e viaxará por numerosos concellos da provincia de Pontevedra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024