A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na clausura do acto de graduación dos Centros de Formación e Experimentación Agraria

Medio Rural aposta pola formación e a remuda xeracional no agro coa oferta de máis prazas e novos ciclos de FP dual nos seus centros específicos

A Consellería seguirá promovendo axudas de incorporación ao campo e iniciativas novas como o Banco de Explotacións ou o Plan de formación, asesoramento e titorización recentemente anunciado

Gómez salientou a importancia de orientar os coñecementos teóricos e prácticos en base ás necesidades reais do sector

Boqueixón (A Coruña), 20 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na clausura do acto de graduación do alumnado dos ciclos formativos dos Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA). Gómez fixo referencia aos máis de 500 alumnos que reciben formación nos CFEA de Becerreá, Pedro Murias, Guísamo, Lourizán e Sergude e destacou o aumento de 36 prazas para o próximo curso (ata as 364), ademais da implantación de novos ciclos en modalidade dual intensiva, concretamente o de grao medio en Produción Agroecolóxica no Pedro Murias e outro de grao superior en Paisaxismo e Medio Rural en Guísamo.

A titular de Medio Rural aludiu tamén ao obxectivo da remuda xeracional que ten a Xunta e ás accións que se levan a cabo nesta liña como as axudas a incorporación ao agro, das que se teñen beneficiado preto de 5.000 mozos e que por primeira vez no 2024 van contar coa presenza dun titor á súa disposición para orientalos  en relación ao mundo laboral.

No marco do propósito de afianzar o futuro do rural galego, mencionou o Banco de Explotacións, unha iniciativa que poñerá en contacto a persoas que queiran iniciar unha actividade no sector con outras que se retiren del, así como o Plan de formación, asesoramento e titorización, anunciado recentemente no Parlamento, e que contempla á mocidade como un dos colectivos prioritarios.

Ademais, salientou a importancia de orientar os coñecementos teóricos e prácticos en base ás necesidades reais do sector e avanzou que esta será unha das prioridades de traballo para os próximos anos nestes centros. “A formación práctica é fundamental, e baixo este obxectivo traballaremos: ofrecendo máis experiencias ao alumnado”, destacou.

Os Centros de Formación e Experimentación Agraria

Os Centros de Formación e Experimentación Agraria están adscritos á Axencia Galega da Calidade Alimentaria e levan preto de 50 anos formando profesionais no sector agrario galego, o que permite ofrecer unha formación de calidade, eminentemente práctica e participativa. É salientable, ademais, os numerosos proxectos colaborativos con empresas, universidades e administracións públicas que permiten impartir unha formación integral do alumnado, o que supón altas cifras de inserción laboral e elevados índices de autoemprego.

Entre os ciclos medios ofertados atópanse o de Aproveitamento e Conservación do Medio Rural, Xardinaría e Floraría, Produción Agropecuaria e Produción Agroecolóxica. No eido dos ciclos superiores, impártese o de Xestión Forestal e do Medio Natural, o de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal e o de Paisaxismo e Medio Rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024