A Xunta avanza na reforma da Lei de administración local de Galicia para dar respostas ás demandas actuais da cidadanía

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicou que a norma, da que xa se elaborou o borrador, adaptarase á realidade demográfica galega actual co obxectivo de garantir a calidade da prestación dos servizos municipais

Lembrou que a actualización da norma, da que xa se elaborou borrador para a súa tramitación, potenciará a autonomía local, apostará polo uso das novas tecnoloxías, apoiará aos municipios de menor poboación en risco de despoboación e recollerá un sistema de reparto de competencias claro

Destacou que a reforma hai 10 anos da lei estatal de bases do réxime local non deu solución á clarificación das competencias locais e que se mantén o mesmo sistema de financiación local durante máis dunha década

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou esta mañá na mesa redonda A reforma local 10 anos despois. Balance e perspectivas de futuro, no marco do VI Congreso Red Localis que se celebra hoxe e mañá. Na mesa moderada pola codirectora de Red Localis, Concepción Campos Acuña, tamén participou a secretaria xeral e interventora da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Patricia Vilán.

 

Na súa exposición, Natalia Prieto incidiu na necesidade de modernización do marco lexislativo local, tamén no ámbito estatal. Lembrou que a reforma hai 10 anos da lei estatal de bases do réxime local non deu solución a problemas como a clarificación de competencias. “A situación agravouse durante a xestión da crise sanitaria da covid-19 por non contar cunha normativa clara sobre as competencias entre administracións”, detallou. Tamén urxiu a necesidade de modificar o sistema de financiación local actual que se mantén sen variacións desde 2014, o que “dificulta avanzar nun novo modelo territorial de servizos públicos”.

 

Polo tanto, apuntou que o Estado debe emprender unha modificación definitiva e real da Lei de Bases do Réxime Local e lembrou que a Xunta xa está a impulsar a modernización da normativa autonómica en colaboración coa Universidade de Vigo e Red Localis.

Galicia xa está a traballar a prol da mellora da xestión local pública galega ao abeiro dese acordo para levar a cabo un proceso de revisión, mellora e actualización do marco lexislativo autonómico en materia de administración local. “As entidades locais galegas precisan dun novo marco normativo autonómico adaptado ás súas necesidades e ás da veciñanza”, sinalou Natalia Prieto.

Nesta liña, explicou que a nova norma, da que xa se elaborou o borrador para iniciar a súa tramitación, adaptarase á realidade demográfica galega actual e proporcionará aos municipios de menor poboación en risco de despoboación ferramentas que garantan a calidade da prestación dos servizos municipais. Ademais, adaptará o marco normativo local á nova realidade social, económica e tecnolóxica, modernizará o seu réxime xurídico e potenciará a autonomía local e a potestade de autoorganización.

Deste xeito, regularanse dentro dos rexímenes municipais especiais, os municipios de menor poboación; promoveranse fórmulas de cooperación municipal para a prestación de servizos como as agrupacións de municipios e incentivaranse as mancomunidades integrais; impulsará os procesos de fusión municipal; reforzaranse criterios como envellecemento ou a despoboación no financiamento local a través do Fondo de Cooperación Local, reforzarase a autonomía local fomentando o carácter intermunicipal das deputacións provinciais e modernizarase a xestión administrativa baseada no funcionamento electrónico.

Esta norma integra as conclusións doutros estudos e traballos sobre o marco xurídico local levados a cabo nos últimos anos froito, por unha banda, do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela un convenio para o desenvolvemento dun estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración local de Galicia, e, por outra, da colaboración coa Fundación Juana de Vega na realización dun estudo sobre a planta local galega e o impulso dos novos procesos de fusión.

Ademais, en 2022 asinouse un novo acordo coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento do proceso de revisión, mellora e actualización do marco no edio local e en abril do ano pasado constitúese a Comisión técnica de delimitación competencial integrada por representantes da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co obxectivo de avaliar os estudos de ambas entidades e avanzar na clarificación das competencias das administracións autonómica e local.

Cátedra de Bo Goberno Local

Cómpre engadir que o VI Congreso Red Localis que se está a celebrar enmarcase na cátedra institucional de Bo Goberno Local froito da colaboración entre a Xunta e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora da Red Localis.

 

Como explicou a directora xeral, esta cátedra supón un espazo de reflexión e debate sobre as propostas de mellora no ámbito local para avanzar cara unha administración do século XXI e facilitar o cambio de adaptación das entidades locais aos retos e demandas da sociedade actual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024