A Xunta organiza este sábado o Día da Xuventude en Tomiño con actividades de lecer saudable

A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ofrece á xente nova alternativas de ocio con compoñente educativo

A praza do Seixo acollerá ata a tarde do sábado, 22 de xuño, actividades gratuítas de índole culinaria, artística, deportiva e realidade virtual

Tomiño (Pontevedra), 20 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia organiza este sábado o Día da Xuventude en Tomiño con actividades de lecer saudable para a mocidade no marco do programa que desde o mes de abril percorre unha trintena de concellos galegos. O encontro, que terá lugar o 22 de xuño na praza do Seixo, contará coa asistencia da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

A xornada comezará ás 16,00 horas cun amplo abano de propostas para a mocidade. Trátase actividades gratuítas deseñadas para os mozos de entre 12 e 35 anos e prolongaranse ata as 21,00 horas, cando rematarán cunha actuación de DJ Brokktt. Os menores de 12 años que acudan acompañados tamén poderán xogar e desfrutar nun divertido espazo de construción.

As actividades propostas xiran en torno ás temáticas de lecer educativo, gastronomía saudable, dinamización do entorno, habilidades para a empregabilidade, educación en igualdade de xénero, sensibilización medioambiental e expresión artística. Así, a xuventude tomiñesa terá a oportunidade de participar en obradoiros como un taller de tiro con arco, unha demostración culinaria saudable, unha colaboración artística grafiteira ou un xogo de escape que inclúe a última tecnoloxía a través do uso de realidade aumentada. Todos aqueles que completen os xogos poderán levar un agasallo sorpresa.

Unha iniciativa que fomenta o ocio saudable e educativo

Tras o éxito da edición pasada cunha participación de 4.300 mozos e mozas, o Día da Xuventude achega de novo este 2024 á mocidade a un modo de ocio baseado en ámbitos saudables. O circuíto comezou en abril e este mes de xuño continuará o seu percorrido con próximas paradas en Ortigueira, o martes 25; San Cibrao das Viñas, o mércores 26; e Gondomar, o xoves 27. No mes seguinte, o evento terá lugar en Poio o mércores 3 de xullo. Toda a información e vindeiras datas están dispoñibles na web de Xuventude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024