A Xunta financia con preto de 215.000 euros actuacións de mellora da eficiencia enerxética en catro empresas turísticas de Ferrolterra

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a pensión Casa Juanito á que se lle concedeu unha achega de preto de 130.000 euros para o illamento da fachada e a cuberta, así como para a instalación dun bomba de aerotermia e un sistema de climatización

Lembra que está aberto ata o 14 de novembro o prazo de solicitude dunha nova convocatoria dotada de 10 M€ á que poderán optar establecementos de aloxamento e restauración

Ferrol, 20 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as obras que se están a acometer na pensión Casa Juanito e que contan cunha achega autonómica de preto de 130.000 euros dentro da liña de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia.

Este establecemento é unha das catro empresas turísticas de Ferrolterra que resultaron beneficiarias da convocatoria do pasado ano que deixou 214.360 euros en achegas na zona. No caso da pensión Casa Juanito, a subvención concedida destinouse ás obras que se están a acometer de illamento da fachada e da cuberta, así como para a instalación dunha bomba de aerotermia e o sistema de climatización.

A delegada territorial destacou a importancia de apoiar a un sector en auxe “con axudas que non só lles van a permitir aforrar na súa factura da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan no noso territorio” e lembrou que se trata dunha medida incluída dentro das accións que leva a cabo a Xunta de Galicia para avanzar nun modelo turístico sostible.

Nova convocatoria

Aneiros aproveitou a ocasión para lembrar que Turismo de Galicia ten aberto ata o 14 de novembro o prazo de solicitude dunha nova convocatoria desta liña de axudas dotada cun investimento de 10M€ e coa que o Goberno galego “procura a modernización e mellora a competitividade do sector turísticos galego”, dixo.

Como novidade deste ano, a convocatoria ábrese aos establecementos de restauración, non so de aloxamento como ata o momento; sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte; non se pide antigüidade mínima nos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.

Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto; aínda que poderá chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.

Entre as actuacións subvencionables inclúese a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Os investimentos deberán estar executados antes de abril de 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024