A Xunta avoga pola igualdade laboral co impulso da presenza feminina en sectores masculinizados

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no castelo de Soutomaior no VI Foro Empresarial de Empresarias de Galicia

Lembrou que a Administración autonómica convocará este ano axudas cun orzamento de 2,25 millóns de euros para contratar e formar unhas 300 mulleres en actividades económicas cunha alta presenza de homes

Soutomaior (Pontevedra), 20 de xuño de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, avogou hoxe por seguir impulsando medidas para acadar a igualdade laboral no VI Foro Empresarial organizado por Empresarias de Galicia que nesta edición celebrouse no castelo de Soutomaior.

Mariño destacou na súa intervención que é clave concienciar a toda a sociedade en xeral e tamén ao mundo da empresa para que saiban escoller ás persoas traballadoras en función das súas aptitudes e capacidades, deixando atrás calquera prexuízo de xénero.

Neste ámbito, lembrou que a Xunta traballa nun novo Plan de apoios para impulsar a presenza feminina en sectores masculinizados. É unha nova iniciativa que se porá en marcha este ano con 2,25 millóns de euros de orzamento para conceder apoios á formación e á contratación.  A previsión é que se poidan contratar e formar unhas 300 mulleres no conxunto do territorio galego con axudas por cada muller insertada no mercado laboral de 7.500 euros.

O obxectivo, en palabras de Mariño, é impulsar a presenza feminina en sectores económicos onde tradicionalmente predominan homes e tamén indicou a necesidade de concienciar sobre que as mulleres poden e deben escoller as súas profesións atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por estereotipos nin por falsas crenzas que aínda hoxe se transmiten.

O Goberno galego busca  contribuír á eliminación da fenda salarial e quere reverter esta situación identificando e rachando con estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/06/2024