O conselleiro do Mar asiste á descarga de sardiña

Alfonso Villares destaca o liderado de Ribeira na pesca de baixura e anima a cidadanía a aproveitar o San Xoán para consumir a mellor sardiña galega

A lonxa ribeirense está acaparando a maioría das descargas desta especie este ano marcado polas boas capturas aínda que a maioría da flota do cerco continúa no cantábrico apurando a campaña do bocarte

O titular de Mar agarda que este ano se poidan superar as cifras do ano pasado no que se rexistraron 18.700 toneladas en capturas e se acadou unha facturación de 17,6 millóns de euros

Ribeira (A Coruña), 19 de xuño do 2024

O conselleiro do Mar asistiu na lonxa de Ribeira á descarga de sardiña, especie moi apreciada nestas datas ante a proximidade de San Xoán que é cando se dispara o seu consumo, onde enxalzou a súa calidade e sabor e animou á cidadanía a aproveitar esta festividade para consumir, máis se cabe, peixe galego. Así o dixo desde o porto que xunto co de Corcubión están concentrando no que levamos de ano a maioría das descargas a nivel galego que xa deixaron unha facturación 1,3 millóns de euros na rula ribeirense.

Con todo, este inicio de campaña está marcado polas boas capturas e polo feito de que a maioría da frota do cerco aínda se atopa no cantábrico apurando a campaña do bocarte o que está influíndo na cantidade de produto que está a chegar estes días aos mercados. Sen embargo, a incorporación ao longo desta semana á pesqueira da sardiña de cerqueiros de portos como Ribeira, Portosín, Camariñas e Malpica, entre outros, permitirá un aumento nas cifras de capturas en liña co rexistrado o pasado ano.

Nesta liña, o responsable autonómico detallou que os barcos que xa están a faenar están completando as cotas todos os días o que reforza as boas expectativas para este ano confirmando a total recuperación desta especie. Así recordou que a campaña 2023 arroxou cifras récord con más de 18.700 toneladas e unha facturación 17,6 millóns de euros. Neste sentido, puxo en valor o bo comportamento dos prezos que polo momento se sitúan en 1,04 euros, lixeiramente por enriba da campaña anterior nestas mesmas datas, polo que agárdase que se poda chegar a uns ingresos parellos ao 2023.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/06/2024