O director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade participou na inauguración da planta de Litosoil, en Coirós

A Xunta avoga pola colaboración do sector público e privado para consolidar Galicia como referente na xestión sostible de residuos

Ramón Boga lembra que o Goberno galego vén de aprobar o Plan de xestión de residuos industriais, que inclúe máis de 40 medidas a desenvolver ata 2030 de cara a fomentar a preparación para a reutilización e do reciclado de alta calidade dos refugallos

Coirós (A Coruña), 19 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia avoga pola colaboración do sector público e privado para consolidar a Comunidade como referente na xestión sostible de residuos, na implantación da economía circular e na acción climática.

Segundo dixo o director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Ramón Boga, na inauguración da planta de Litosoil, en Coirós, a Administración deberá avanzar da man do tecido empresarial para seguir avanzando nun modelo de xestión sostible baseado na prevención e na valorización en liña co establecido nas Estratexia Galega de Economía Circular 2030 e na de Cambio Climático e Enerxía 2050.

Nesa liña, Boga lembrou que o Goberno galego segue a traballar nese eido. Así, vén de aprobar o Plan de xestión de residuos industriais (Priga), que inclúe máis de 40 medidas a desenvolver ata 2030 de cara a, entre outros obxectivos, fomentar a preparación para a reutilización e do reciclado de alta calidade dos refugallos, co fin de primar a obtención de novos produtos e materiais capaces de substituír materias primas virxes nos procesos industriais.

De feito, cómpre lembrar que este plan busca, con carácter xeral, fomentar a prevención na xeración destes residuos e impulsar o seu tratamento conforme á xerarquía e aos novos obxectivos de produción, reciclaxe e redución do vertido, fixados polas directivas europeas de 2018 e recollidas despois na normativa sectorial autonómica e estatal.

Para avanzar nesta transición no eido dos residuos de orixe industrial, o PRIGA prevé mobilizar un investimento estimado en case 75 millóns de euros ata o ano 2030, contía na que se inclúe tanto os fondos que prevé destinar a Xunta —case 21 millóns—, como as achegas dos Sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) —1,4 millóns— e os investimentos privados que se estima que realizará o propio sector industrial galego para cumprir cos obxectivos legalmente establecidos.

Nese senso, o director xeral puxo en valor que a planta inaugurada hoxe facilitará o tratamento de terras contaminadas con hidrocarburos para darlles novos usos como a construción ou a recuperación paisaxística evitando o depósito en vertedoiro.

Data de actualización: 19/06/2024