A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático visitou hoxe a estación de A Cabana, no concello de Ferrol, cedida recentemente por Endesa

A Xunta salienta que Galicia conta cun dos mellores sistemas de control da calidade do aire do país grazas á súa aposta pola mellora continua da rede de estacións

A actual rede autonómica está integrada por 47 instalacións de medición e vixilancia, de titularidade pública e privada, que axudan a previr e reducir os posibles efectos das substancias contaminantes sobre a saúde, o medio ambiente e a contorna

Paula Uría lembra que a Unión Europea e a Organización Mundial da Saúde propón novos valores límite para valorar a calidade do aire ambiente de cara ao ano 2030

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor esta mañá a Rede de calidade do aire de Galicia, impulsada co fin de verificar que se cumpran os obxectivos da normativa vixente neste eido e consolidada como unha das mellores e máis completas de todo o país grazas a un proceso constante de renovación, ampliación e optimización.

Tras lembrar que na actualidade este sistema consta de 47 estacións repartidas por toda Galicia, a responsable autonómica referiuse a modo de exemplo á recente incorporación do punto de control e medición da calidade do aire de A Cabana, localizado no concello de Ferrol e propiedade de Endesa Xeración SAU.

Neste sentido, Paula Uría explicou que a empresa se ofreceu a cederlle á Xunta gratuitamente esta estación, que avalía desde o ano 2008 os datos da calidade do aire de Ferrolterra, considerado un asentamento de gran valor, e permite amosalos en tempo real a través da páxina web de Meteogalicia.

Trátase dunha estación de tipo industrial suburbana no entorno da enseada da Malata, situada nunha contorna industrial, comercial e residencial a algo máis de 30 quilómetros da central térmica de As Pontes, que se atopa en proceso de desmantelamento. Deste xeito e coa cesión acordada entre ambas partes no mes de marzo, garántese que a cidade departamental e a súa área metropolitana sigan dispoñendo de dúas estacións: unha urbana de tráfico —Ferrol-Raíña Sofía— e outra industrial—A Cabana—.

Cambios de cara ao ano 2030

A lexislación vixente en materia de calidade de aire busca evitar, previr e reducir os efectos nocivos das substancias contaminantes sobre a saúde humana, o medio ambiente no seu conxunto e outros bens de distinta natureza.

Para verificar o cumprimento destes obxectivos, establecer actuacións de mellora e avaliar os resultados obtidos, creouse a Rede de calidade do aire de Galicia, integrada por unha serie de estacións, de titularidade pública e privada, con capacidade para medir a contaminación do aire en diferentes zonas e en aglomeracións urbanas.

Neste sentido, cómpre subliñar que a comunidade galega mantén desde hai anos unha boa calidade do aire. En todo caso e de cara a 2030, a Unión Europea e a Organización Mundial da Saúde (OMS) traballan na fixación de novos valores límite para avaliar a contaminación ambiental, valores cos que, segundo un recente estudo de diagnose levado a cabo pola Xunta, Galicia seguiría mantendo unha calidade de aire ambiente boa.

Máis concretamente, a nova directiva europea neste eido establecerá, en liña e de acordo coas directrices más recentes da OMS, parámetros e obxectivos máis estritos para varios elementos contaminantes, como o dióxido de nitróxeno, o dióxido de xofre, o ozono e as partículas PM2.5 e PM10.

Así mesmo, a futura norma modificará aspectos tales como, por exemplo, os parámetros a monitorizar; os requisitos para o control e a modelización da calidade do aire para mellorar a súa xestión e as medidas de prevención e garantir en maior medida o cumprimento das normas; a cooperación entre os Estados membros en materia de contaminación transfronteiriza; ou a elaboración de plans de calidade do aire.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024