A Xunta participa en Pamplona no encontro de CDTI coas comunidades autónomas para estreitar a colaboración entre administracións

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asiste á cita do organismo estatal encargado de apoiar a I+D+i das empresas españolas

Pamplona, 19 de xuño de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, asistiu este martes en Pamplona ao segundo encontro organizado por CDTI (Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación) centrado na cooperación interterritorial e no aproveitamento de sinerxías entre o ente estatal e as comunidades autónomas. A xornada, que reuniu aos directores xerais con competencias en I+D+i, serviu para dialogar sobre estratexias e ámbitos de colaboración.

Entre as conclusións do encontro, acordouse intensificar esta colaboración reforzando o intercambio de información e o traballo colaborativo e cooperar no deseño do novo Plan Complementario de Transferencia de Coñecemento que vai poñer en marcha o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A Xunta de Galicia e CDTI Innovación levan colaborando desde 2007 no fomento da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico en Galicia. Entre outras medidas, neste marco organizan xornadas conxuntas de difusión dos instrumentos de apoio de ambas entidades como a que se celebrará o vindeiro xoves en Santiago de Compostela; colaboran na definición de novas convocatorias e na avaliación do impacto destas, así como no fomento da Compra Pública de Innovación. Todo isto co obxectivo último de ampliar as oportunidades de financiamento da I+D+i dirixidas ás entidades galegas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2024