A Xunta contribúe á conservación das formacións de árbores do Pazo de Rubiáns incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático concedeu varias axudas para a protección e mellora dos exemplares presentes neste espazo por importe de máis de 11.500 euros e outras na área territorial que suman 22.000 euros

O delegado territorial destacou o “traballo impecable” que se leva a cabo no pazo, tanto na conservación dos seus xardíns como no coidado do seu patrimonio

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 18 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Pazo de Rubiáns, no concello de Vilagarcía, con motivo das axudas concedidas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras.

O pazo recibiu varias achegas de máis de 11.500 euros que permitirán financiar parte dos coidados e tratamentos que precisan estes exemplares, con varios elementos incluídos no catálogo. Cabe destacar que o Pazo de Rubiáns conta nos seus xardíns con exemplares con varios séculos de vida.

O delegado territorial destacou o “traballo impecable que se leva a cabo no Pazo de Rubiáns, tanto no coidado do seu patrimonio como na elaboración e promoción dos seus viños, na conservación e protección dos seus xardíns” e, xunto ao director Guillermo Hermo, percorreu boa parte da extensión que alberga os exemplares catalogados.

Reguera rematou a visita poñendo en valor a “importantísima labor de conservación e coidado que se leva a cabo no Pazo”.

O total investido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático na área territorial de Pontevedra foi de máis de 22.000 euros, que foron repartidos entre catro entidades beneficiarias destas achegas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024