A Xunta inviste 115.000 € no proxecto de metaverso ‘Universo Uvigo’

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o reitor, Manuel Reigosa, comproban o funcionamento do sistema, que afonda nas posibilidades do metaverso

Pontevedra, 18 de xuño de 2024

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, comprobaron hoxe o funcionamento de UNIverso UVigo, o proxecto de metaverso impulsado pola universidade viguesa e que se presentou hoxe na Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra. A Xunta inviste 115.000€ nesta iniciativa.

En concreto, hoxe presentouse Simulacro, unha aplicación de realidade virtual inserida neste proxecto para a simulación de procesos de creación audiovisual. A través duns lentes de realidade virtual, permite o alumnado realizar labores de realización, dirección de fotografía e manexo de cámaras nun plató virtual.

O obxectivo de UniversoUVigo é afondar nas posibilidades do metaverso a través dun prototipo que albergará espazos de encontro, ensinanza e aprendizaxe. O plan piloto inclúe a virtualización de laboratorios para que poidan ser empregados por distintas titulacións para diferentes tarefas, o que evitaría ter que duplicar laboratorios idénticos, cun alto custo, dado que a virtualización permitiría o seu uso desde diferentes centros. Grazas ás ferramentas de software xeradas a través da iniciativa facilítase o traballo remoto a este entorno virtual desde terminais con prestacións limitadas.

54M€ desde 2019

Tal e como explicou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, o proxecto está cofinanciado polo Goberno galego a través dos convenios para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i, “que constitúen unha das principais aposta da Xunta de Galicia para o fortalecemento do ecosistema de investigación nas universidades públicas”, afirmou. “Desde 2019, cando se creou esta liña de financiamento para accións estratéxicas de I+D+i, levamos investidos 54M€ nestes convenios”, salientou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024