A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Ortigueira analizan varias actuacións en materia de patrimonio natural e augas

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, analizaron hoxe varias actuacións municipais en materia de patrimonio natural e augas.

Así, avaliaron o proxecto municipal para instalar na localidade un centro de interpretación e observación de paxaros nos humidais, co obxectivo de convertelo no primeiro Bird Center de Galicia. Esta iniciativa suporía unha aposta pola preservación da biodiversidade da contorna, así como pola divulgación da súa riqueza ambiental e paisaxística e pola concienciación da cidadanía sobre a importancia de garantir a conservación deses hábitats.

A maiores, en materia de augas, a conselleira e o rexedor puxeron en valor que xa se estean levando a cabo as obras de renovación do abastecemento do lugar do Campo da Silva, na parroquia de Espasante. Os traballos teñen como obxectivo evitar tanto as continuas labores de conservación como as perdas no subministro, garantindo, deste xeito, un mellor servizo á cidadanía. A actuación consiste, en concreto, na renovación de preto de 500 metros de canalización, incluíndo a conexión co depósito e co bombeo existentes.

Cómpre indicar que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024