Xunta e Aje Ferrol impulsan o emprendemento cunha xornada para intercambiar experiencias e explorar novas posibilidades de negocio na contorna

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou hoxe o foro ‘Transformando ideas en realidades: a experiencia emprendedora de Luis G. Rey’ organizado por AJE Ferrol co apoio do Goberno galego

Enmarcada na axenda da Rede de polos que ten 13 centros activos na Comunidade, a acción serviu para que diferentes perfís profesionais compartiran as súas experiencias explorando novas posibilidades nos seus proxectos empresariais

A actuación tamén forma parte do convenio de colaboración asinado entre Aje Galicia e a Xunta para, entre outros, fomentar a formación específica co reto de impulsar o emprendemento e a dinamización do rural

Mariño pon en valor a Rede de polos de emprendemento e de apoio ao emprego e destaca que no centro de Ferrol xa se atenderon 327 proxectos

Ferrol, 18 de xuño de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou hoxe en Ferrol o foro Transformando ideas en realidades: a experiencia emprendedora de Luis G. Rey, xerente da empresa de reparación de equipos tecnoloxicos Error Ferrol, unha xornada que organizou a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol (Aje Ferrol) e forma parte da axenda da Rede de polos que ten 13 centros activos na Comunidade, un na cidade ferrolá.

A acción serviu para que diferentes perfís profesionais compartiran as súas experiencias explorando novas posibilidades nos seus negocios. Ademais de incluírse na axenda de actividades da Rede, a actividade de hoxe tamén forma parte do convenio de colaboración asinado pola Xunta e AJE Galicia para colaborar na impartición de formación específica para o fomento do emprendemento e a dinamización do rural, actividades de networking e a organización de congresos.

Esta actuación tamén inclúe a posta en marcha de medidas de asesoramento e de titorización para a creación de empresas, tamén ao abeiro da Rede de polos que conta con 13 centros activos no conxunto do territorio, tres deles na provincia da Coruña (Ferrol, Coristanco e Melide).  

O de Ferrol leva un total de 327 proxectos atendidos, dos que predominan por sectores o comercio (21%) seguido do sector servizos (19%) e da hostalaría (11%). Ademais, o 64% das persoas emprendedoras atendidas son mulleres. En canto ás actividades realizadas polo centro ferrolá, destacan as 35 reunións con entidades do territorio, 14 accións de formación e 16 eventos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024