Belén do Campo visita o centro ocupacional Pascual Veiga e reitera o apoio da Xunta para garantir a integración laboral das persoas con discapacidade

A asociación conta con 22 prazas concertadas que son homes e mulleres adultos, maiores de 18 anos, que precisan apoio e recursos humanos e materiais específicos para conseguir o seu desenvolvemento persoal, social e laboral

A Coruña, 18 de xuño de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o centro ocupacional Pascual Veiga, unha entidade sen ánimo de lucro que se constituíu no ano 1991 por pais e nais de persoas con discapacidade intelectual. Este centro traballa para formar a persoas con discapacidade intelectual, maiores de 18 anos, para que adquiran as destrezas e habilidades que lles posibiliten a súa integración laboral e social. Para iso, esta entidade conta con varios programas formativos que están deseñados para a consecución de distintos obxectivos: elevar a competencia profesional, inculcar bos hábitos e condutas básicas que se poñen en xogo no desempeño de calquera traballo e fomentar a asertividade, etc. Estes programas aplícanse no Taller Formativo de Estarcido e Estampaxe Textil, no Taller Formativo de Encadernación e Papelería e o Servizo de Terapia Ocupacional.

Pascual Veiga dispón de 26 prazas autorizadas das cales 22 son concertadas polo que perciben da Xunta de Galicia 195.000 euros anuais. A representante do Goberno autonómico destacou que ata o 2023 percibían 121.000 euros para estas prazas pero, coa entrada en vigor do novo Concerto Social de Discapacidade o pasado 1 de marzo, reciben 74.000 euros máis, o que lles permite exercer o seu labor dunha forma máis eficiente.

A delegada da Xunta agradeceu á directiva e aos traballadores o labor que desenrolan e sinalou que “A Xunta a través da Consellería de Política Social está a realizar un importante esforzo para ofrecer alternativas reais a persoas que so a través da integración laboral conseguen unha integración real na sociedade”. Ademais destacou que “un dos piares neste ámbito é o apoio aos familiares para que poidan afrontar da mellor maneira posible as súas necesidades”. Para logralo puxo como exemplo o papel que xogan entidades como Pascual Veiga que xa forman parte da identidade desta cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024