O DOG publica a resolución das axudas, por un importe próximo aos 12 M€, a produtores da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega

O número de animais subvencionados foi de 82.787 e o 62% deles corresponden a Ternera Gallega Suprema, con 200€ por cada un; o resto foi destinado a Ternera Gallega, cun importe unitario por exemplar de 36€

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas dirixidas a produtores amparados pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega a través das que se destinaron preto de 12 millóns de euros. As achegas contribúen a paliar os sobrecustos derivados deste tipo de producións que se viron afectadas nos últimos dous anos polo incremento dos prezos das materias primas

Os beneficiarios destas achegas son explotacións que cumplan o requisito de estar inscritas nos rexistros do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega durante algún período do ano 2023 xunto co rexistro de animais durante dito ano e, ademais, que finalizaran o seu ciclo produtivo dentro deste. A convocatoria das axudas foi publicada en xaneiro de 2024 e aprobáronse 4.578 solicitudes; finalmente chegando a subvencionar 82.787 animais. O 62% deles, pertencentes á IXP Ternera Gallega Suprema (TGS) e o resto, a Ternera Gallega (TG).

A produción de TGS e TG presenta unhas características propias e o consumidor recibe un produto de calidade, vencellado ao territorio, que respecta os tempos e a bioloxía do gando e axuda ao mantemento da paisaxe tradicional galega, entre outros beneficios para o ecosistema. Neste contexto, débese ter en conta que a crianza de becerros Ternera Gallega Suprema e Ternera Gallega ten un sobrecusto en comparación con outros sistemas produtivos convencionais e o obxectivo principal desta orde é compensalos mediante unha achega directa que garanta a súa viabilidade e continuidade produtiva, tamén pola súa enorme importancia social e medio ambiental no ámbito rural galego. 

Ademais, estas axudas permiten avanzar no desenvolvemento da Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia, especialmente naquelas medidas relacionadas coa calidade, o benestar animal e adaptación ás novas demandas do consumidor.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240618/AnuncioG0426-280524-0001_es.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2024