O conselleiro do Mar participou no Consello Consultivo de Política Agraria e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

A Xunta critica que se cargue nos axustes constantes á actividade da flota a mellora do estado dos caladoiros comunitarios

O responsable autonómico sinala que que se ben hai indicios de sustentabilidade ambiental e económicos, grazas a caída do coste do gasóleo, estes non teñen traslado en termos sociais 

Destacou que son os caladoiros onde opera a frota galega onde se percibe unha mellora da situación dos recursos pesqueiros así como a importancia de afondar no análise dos factores externos que inflúen no estado das pesqueiras  

Tamén indicou a necesidade de revisar a implantación de TAC plurianuais seguindo pautas de equilibrio e non a baixa así como que estas sexan debatidas coas CC.AA. co obxectivo de aportar datos que permitan alzas e novos axustes 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe no Consello Consultivo de Política Agraria e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se tratou a comunicación da Comisión Europea relativa a Pesca Sostible na Unión Europea: situación actual e orientacións para o 2025. Alí o titular de Mar cuestionou que o Executivo comunitario sitúe a mellora da situación dos caladoiros e da flota como resultado das súas políticas e defendeu que, en realidade, esta débese aos constantes axustes á actividade pesqueira.

No encontro defendeu a necesidade de abordar unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) fronte a avaliación proposta polo executivo comunitario que cualificou de “insuficiente”. Tamén criticou o análise “triunfalista” realizado no documento relativo á transición enerxética, dando a entender que os novos combustibles permiten aforros no consumo cando polo de agora non é así. Recordou que os prezos seguen sendo elevados e condicionan de xeito importante a actividade da flota. 

Por outra banda o responsable autonómico puxo en valor que se ben hai indicios de sustentabilidade ambiental e económicos, grazas á caída do coste do gasóleo, estes non teñen traslado efectivo en termos sociais. É máis, no documento presentado, a diferencia doutros anos, non recolle ningunha referencia ao número de persoas empregadas. Neste ámbito amosou a preocupación do Goberno galego da vontade da Comisión de afondar no paquete de medidas sobre a pesca e océanos, que ata o momento son voluntarias e deixa a porta aberta e que podan ser obrigatorias.

Alfonso Villares destacou que son os caladoiros onde opera a frota galega onde se percibe unha mellora da situación dos recursos pesqueiros, a diferencia doutros como os de o Mediterráneo e o Báltico que non teñen un bo comportamento en termos de sustentabilidade. Nesta liña puxo o foco no recoñecemento da existencia de factores externos que inflúen  no estado dos caladoiros e instou a afondar no seu análise para que non sexa a actividade pesqueira que asuma en solitario as medidas de mellora dos recursos mariños.

TAC plurianuais

O conselleiro do Mar sinalou a necesidade de revisar a implantación de TAC plurianuais seguindo pautas de equilibrio e non á baixa e valorou positivamente o chamamento da Comisión aos Estados membros para que as mesmas sexan debatidas internamente coas CC.AA.  para que se aporten datos e argumentos que leven a alzas e non a novos axustes. Ademais, indicou que se ben as TAC dispostas para o 2024 foron nunha liña conservacionista, agarda que no 2025, en aplicación da sentenza C-330/22, estas sexan fixadas dun xeito máis equilibrado.

O responsable autonómico valorou positivamente a referencia ao aproveitamento dos límites de capacidade (en arqueo e potencia) de cada país e que no caso de España que ser aproveitado para melloras na habitabilidade e seguridade, polo que reclamou axilidade e transparencia nese proceso. O documento tamén fai unha especial petición ao Ministerio da necesidade de dotar de flexibilidade aos mecanismo de aproveitamento de potencia e arqueo procedente de buques despezados. Nesta liña, manifestou a importancia de aproveitar mellor esa posibilidade e ter activa unha liña que permita saír da actividade a buques non rendibles sen que necesariamente se comprometa custe para os fondos públicos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/06/2024