Na celebración do I Taller de Boxeo Inclusivo da Federación Galega

Lete Lasa lembra a figura de Paco Amoedo como “o pai dun boxeo galego de todas e de todos” e entrega o cinto honorífico da WBC a Simón González

Destaca a importancia do boxeo e o deporte en xeral como ferramenta de loita contra a discriminación e fomento da inclusión en todos os ámbitos, “axudar aos demais, é o estilo de vida máis activo e saudable que se pode ter”

A Coruña, 14 de xuño de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta tarde na apertura do primeiro taller de boxeo inclusivo celebrado na Coruña nas instalacións da INEF. No acto, organizado pola Federación Galega de Boxeo, Lete Lasa entregou o cinto honorífico da WBC (Consello Mundial de Boxeo) a Simon González, trece veces campión do mundo en full contact e destacou que, “a pesar do accidente de 2014 que lle provocou unha paraplexía, segue a ser un referente no boxeo mundial e un gran exemplo de superación”.

Durante o acto de inauguración, o secretario xeral lembrou a figura de Paco Amoedo, falecido recentemente tras unha longa enfermidade e cuxo legado “está hoxe máis vivo que nunca” xa que foi el quen creou “un boxeo galego para todos e para todas”. Proba disto foi o inmenso número de boxeadores que pasaron polas súas mans e cos que conseguiu 65 títulos nacionais, 33 do mundo hispano, nove intercontinentais, tres da Unión Europea e tres europeos. Grazas a el, o boxeo galego conta con máis de 6.500 licenzas, cando en 2009 eran apenas 150.

Lete Lasa destacou a importancia que ten tanto o boxeo como o deporte como ferramenta de loita contra a discriminación e fomento da inclusión en todos os ámbitos, “axudar aos demais, é o estilo de vida máis activo e saudable que se pode ter”. En total serán 80 técnicos da federación os que se formarán neste taller gratuíto de boxeo inclusivo que contará coa proxección de vídeos, seminarios, mesas redondas e adestramentos conxuntos coa selección galega nos que poderá participar quen queira independentemente da súa condición. Ata o momento, a Federación Galega xa ten realizado campionatos de diversidade funcional, coa participación de mozas e mozos con discapacidades físicas e psíquicas, pero este taller quere dar un paso máis e adaptar o boxeo para que as persoas en cadeira de rodas tamén se poidan subir a un ring.

Data de actualización: 14/06/2024